Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xaneiro de 2009

    Os europarlamentarios votaron a favor dunha resolución sobre os dereitos fundamentais. O informe da resolución, elaborado por Giusto Catania (GUE/NGL), establece novos estándares nun amplo abano de dereitos fundamentais e contén varias cláusulas a favor das linguas menos usadas e das minorías nacionais.

    Fonte: Eurolang

    27 de xaneiro de 2009

    A lingua española volverá impartirse este ano nas escolas públicas de Filipinas, segundo anunciou o secretario de Educación, Jesli Lapus. Dentro do "Programa Especial de Linguas Estranxeiras", que se aplicará ao principio do curso escolar que comeza en xuño, o español impartirase en determinados institutos para "darlles aos estudantes unha competencia lingüística diversa para o mundo laboral global", dixo Lapus.

    Fonte: Univisión

    27 de xaneiro de 2009

    A Xunta de Galicia achega 110.000 euros para financiar os traballos de redacción desta nova publicación, ademais de prestarlles aos seus autores apoio técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos. O dicionario constará dun mínimo de 2000 entradas e da súa elaboración encargarase un equipo de traballo integrado por xuristas especializados nos diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas expertos en lexicografía e terminoloxía.

    Fonte: Xunta de Galicia

    27 de xaneiro de 2009

    O vindeiro 30 de xaneiro remata o prazo de inscrición na primeira quenda de cursos preparatorios para a obtención do Certificado de Lingua Galega (Celga). Estes cursos realizaranse entre os meses de marzo e xuño en 20 localidades galegas. A programación directa deseñada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística prevé a realización de 50 cursos que comezarán o vindeiro 9 de marzo.

    Fonte: Xunta de Galicia

    26 de xaneiro de 2009

    As eleccións ao Parlamento de Galicia 2009 permiten, por primeira vez nunhas eleccións autonómicas, o voto accesible para persoas con discapacidade visual a través do uso de papeletas e sobre con información en braille. Este procedemento púxose en práctica por primeira vez nas Eleccións Xerais de 2008 e nas andaluzas, cuxo procedemento foi en ambos os casos organizado polo Estado ao celebrarse simultaneamente.

    Fonte: Xunta de Galicia

    26 de xaneiro de 2009

    O Comité de Cultura reuniuse o pasado martes, 20 de xaneiro, para tratar a comunicación sobre multilingüismo da Comisión co informe do eurodeputado Graça Moura.

    Fonte: Eurolang

    26 de xaneiro de 2009

    Boa parte dos traballadores británicos muda o seu acento para impresionar os xefes e mellorar as súas perspectivas profesionais, segundo un novo estudo.

    Fonte: BBC

    26 de xaneiro de 2009

    O secretario de Política Lingüística catalán, Bernat Joan, acusou o Goberno central de incumprir os acordos alcanzados coa Unión Europea sobre pluralidade lingüística, que recoñecen o dereito de cataláns, vascos e galegos a ser atendidos na súa propia lingua.

    Fonte:

    26 de xaneiro de 2009

    Os máximos responsables de política lingüística do Goberno vasco e do Goberno de Navarra celebran unha reunión na sede do executivo foral, en Pamplona. Na rolda de prensa que ofrecerán posteriormente, Miren Azkarate, conselleira de Cultura do Goberno vasco, Carlos Pérez Nievas, conselleiro de Educación do Goberno de Navarra, Patxi Baztarrika, viceconselleiro de Política Lingüística do Goberno vasco e Xabier Azanza, director de Euskarabidea, Instituto Navarro del Vascuence, presentarán o acordo de colaboración en materia de política lingüística ao que chegaron ambos os gobernos.

    26 de xaneiro de 2009

    A evolución da linguaxe humana débese á cultura e non á xenética, sinala un estudo realizado polo University College London (UCL), do Reino Unido. Aínda que haxa unha base xenética relacionada coa linguaxe, e que mesmo puido preceder á aparición deste, os cambios lingüísticos son demasiado repentinos para que puidesen quedar codificados nos nosos xenes.

    Fonte: Tendencias21

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder