Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    26 de xaneiro de 2009

    A evolución da linguaxe humana débese á cultura e non á xenética, sinala un estudo realizado polo University College London (UCL), do Reino Unido. Aínda que haxa unha base xenética relacionada coa linguaxe, e que mesmo puido preceder á aparición deste, os cambios lingüísticos son demasiado repentinos para que puidesen quedar codificados nos nosos xenes.

    Fonte: Tendencias21

    26 de xaneiro de 2009

    O presidente do Parlamento Europeo, o alemán Hans-Gert Pöttering, que pertence ao grupo do Partido Popular Europeo (PPE), defendeu que os eurodeputados de fala catalá non poidan expresarse na súa lingua nas sesións plenarias.

    Fonte: Avui

    26 de xaneiro de 2009

    O Club Baloncesto Siero será o primeiro protagonista dunha campaña de promoción da lingua asturiana no deporte, que promove o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Siero, e que conta cunha subvención de 1.500 euros da Consellería de Cultura e Turismo.

    Fonte: El Comercio Digital

    26 de xaneiro de 2009

    O síndic d'Aran, Francès Boya, presentou no Parlamento de Cataluña as emendas que o Conselh General d'Aran preparou para reclamar que a futura Lei de educación de Cataluña, que actualmente está en proceso de debate, recoñeza o aranés como lingua vehicular da escola.

    Fonte: Avui

    26 de xaneiro de 2009

    O candidato a lehendakari do PP, Antonio Basagoiti, comprometeuse a garantir por lei que os pais poidan elixir o modelo lingüístico dos seus fillos e que o coñecemento do éuscaro deixe de ser un requisito para acceder á Administración.

    Fonte: Diario Vasco

    26 de xaneiro de 2009

    Os novos programas de lingua portuguesa para o ensino básico xa están dispoñibles para consulta pública e deberán comezar a ser aplicados de forma experimental o próximo ano lectivo, segundo afirmou o secretario de Estado de Educación.

    Fonte: RTP

    26 de xaneiro de 2009

    A Universidade Pública de Navarra e a Real Academia da Lingua Vasca/Euskaltzaindia subscribiron no campus de Arrosadia un convenio marco que ten por obxecto xeral estreitar a colaboración entre ambas as dúas institucións. Segundo o convenio subscrito, a Universidade Pública de Navarra, no que respecta ao éuscaro, recoñece a Euskaltzaindia como a institución consultiva oficial.

    Fonte: Europa Press

    26 de xaneiro de 2009

    Este acto enmárcase dentro do traballo que vén desenvolvendo a Corporación Nacional de Desenvolvemento Indíxena, desde o seu Programa de recuperación e revitalización das linguas indíxenas de Chile dependente da Unidade de Cultura e Educación, o cal ten por obxecto chegar á poboación infantil e xuvenil de cada aldea, e axudalos na recuperación da súa lingua ancestral, do seu orgullo cultural e a promoción do valor da diversidade.

    Fonte: CONADI

    26 de xaneiro de 2009

    A Sindicatura de Greuges instou a Consellería de Educación a adoptar "todas as medidas que sexan necesarias, ordinarias ou extraordinarias, para garantir a aplicación efectiva dos programas de educación bilingüe en todos os centros financiados con fondos públicos".

    Fonte: El Mundo

    26 de xaneiro de 2009

    O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames están a organizar, coa colaboración das asociacións de comerciantes e de empresarios, a campaña Calidade en Galego, co ánimo de dinamizar os usos lingüísticos no ámbito do pequeno comercio do concello.

    Fonte: CTNL

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder