Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de xuño de 2026

    O Concello de Portugalete convoca subvencións para promover o uso do éuscaro en rótulos, carteis de interior e contido dixital en comercios, hostalería e servizos. As axudas cobren ata o 100 % do gasto en rótulos (máximo 800 €), un 60-75 % en carteis ou webs (máximos 500-800 €) e a adopción do dominio .eus (ata 30 €).

    Fonte: En Portugalete

    08 de xuño de 2026

    Un proxecto da Universidade de Aberystwyth investiga a poesía medieval en lingua galesa para analizar como os bardos empregaban a linguaxe do amor, do afecto e do matrimonio ao describiren a súa relación cos seus mecenas. O estudo busca comprender a orixe e evolución desta tradición literaria propia do galés, así como o que revela sobre a lealdade, a identidade, a masculinidade e as relacións de poder na sociedade galesa da Idade Media.

    08 de xuño de 2026

    A Cooperativa Árvore do Porto celebra entre xuño e xullo o Mes do Mirandés, unha iniciativa que inclúe exposicións, conferencias e actividades culturais para promover a lingua mirandesa e o patrimonio da Terra de Miranda. O programa pretende achegar esta realidade lingüística ao público urbano e destacar o valor da diversidade cultural en Portugal.

    Fonte: Diário de Trás-os-Montes

    08 de xuño de 2026

    A versión en galego da norma UNE-EN ISO 14050:2023 sobre xestión ambiental vén de ser publicada por AENOR, que se converte así na novena tradución realizada polo Servizo de Normalización Lingüística da USC. A norma define máis de 350 conceptos fundamentais da serie ISO 14000 e ofrece equivalentes en galego, castelán e inglés, garantindo precisión terminolóxica para empresas, auditores e organismos reguladores.

    08 de xuño de 2026

    A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convoca unha nova edición do Concurso de relato oral "Tíralle da lingua", destinado á comunidade educativa para fomentar o uso oral do galego no ámbito escolar. As historias poden ser populares, literarias ou de creación propia e terán unha duración máxima de cinco minutos. Na fase final, que se celebrará a finais de novembro, o xurado concederá un primeiro premio de 250 euros por nivel educativo e, se procede, un segundo de 150 euros, con igual contía para os centros dos participantes galardoados.

    05 de xuño de 2026

    O Goberno francés e o estado brasileiro do Río de Xaneiro asinaron un acordo de cooperación para fortalecer a presenza da lingua francesa nas escolas públicas estatais. A iniciativa prevé accións de formación para o profesorado, intercambio de recursos educativos e programas destinados a ampliar a aprendizaxe do francés entre o alumnado.

    Fonte: Diplomacia businesss

    05 de xuño de 2026

    A Comisión Europea considera nun informe sobre España que a obriga de etiquetar produtos en catalán pode aumentar os custos para as empresas e dificultar a integración do mercado europeo. Bruxelas advirte tamén de que as diferenzas normativas entre comunidades autónomas poden crear obstáculos ao comercio.

    Fonte: Diari de la Llengua

    05 de xuño de 2026

    O Goberno do Chad decidiu que o árabe estándar teña a mesma presenza ca o francés como lingua de ensino e avaliación nas escolas. A medida forma parte dunha reforma con importantes implicacións políticas e sociais, xa que reflicte cambios nas relacións de poder internas e no achegamento do país ao mundo árabe. Expertos advirten, porén, das dificultades para aplicar a reforma debido á escaseza de profesorado e materiais didácticos en árabe.

    05 de xuño de 2026

    A Universidade de Deusto e Etxepare Euskal Institutua asinaron un convenio marco para impulsar a promoción e difusión do éuscaro e da cultura vasca nos ámbitos académico, cultural e social. O acordo, vixente durante cinco anos, permitirá organizar actividades formativas e culturais, promover proxectos de investigación e creación, xerar espazos de encontro entre a comunidade universitaria e axentes culturais, e fortalecer a proxección internacional do idioma e da creación vasca.

    05 de xuño de 2026

    Preto de 700 persoas participaron en Parlem!, unha iniciativa desenvolvida en Perpiñán e noutras localidades da Cataluña Norte para facilitar o uso do catalán entre falantes, aprendices e persoas que o entenden. Os organizadores destacan que moitas veces se fala en francés con veciños e veciñas da zona porque se descoñece que tamén saben catalán, e consideran que o proxecto contribuíu a dar visibilidade á lingua no espazo público.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder