Só un 17,8 % da mocidade de Barcelona emprega habitualmente o catalán, mentres que un 30,8 % afirma non utilizalo nunca, segundo a Enquisa á Mocidade de Barcelona 2025. Os datos evidencian un forte descenso respecto de 2015, cando o 37,7 % da xente nova tiña esta lingua como habitual. O castelán sitúase como idioma predominante para máis da metade das persoas enquisadas, nun contexto que o Concello cualifica de preocupante e que considera un desafío para as políticas de promoción do uso social do catalán.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Escola Galega de Administración Pública organiza varias actividades formativas para persoal que traballa na Administración local, entre as que se atopa o curso en liña «Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego» que se impartirá entre o 20 de maio e o 4 de xuño de 2026.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O Concello de Salceda de Caselas publicou a súa Ordenanza municipal de uso da lingua galega, que establece os criterios lingüísticos que deben seguir a propia institución, os seus organismos dependentes e as empresas concesionarias que actúen por encargo municipal. A norma tamén prevé a creación dun servizo de normalización lingüística, encargado de impulsar e coordinar as políticas de promoción e uso do galego na administración local.
O Consello da Avogacía Catalá propuxo ampliar os incentivos ao uso do catalán na quenda de oficio para incluír tamén as intervencións orais nos xuízos, ademais dos escritos procesuais que xa reciben compensación económica. A entidade considera que esta medida permitiría reforzar a presenza da lingua nas salas de vistas e garantir o dereito da cidadanía a utilizar o catalán na Administración de Xustiza.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Trátase dunha iniciativa impulsada pola fundación dedicada ao autor e co que colabora a Xunta de Galicia co obxectivo, apuntou, de “favorecer que se leven a cabo actividades entre a comunidade escolar que poñan en valor a lingua, a prestixien e fomenten o seu coñecemento e uso, relacionándoa directamente coa nosa cultura”.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e mais a Irmandade Xurídica Galega avanzan para asinar o primeiro grande acordo de promoción do uso do galego cos corpos de seguridade do Estado. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo un encontro con responsables da Garda Civil en Galicia e con representantes da Administración estatal e profesionais do ámbito da xustiza, para ver as posibles vías de colaboración que redunden nun maior uso do galego por parte da Garda Civil.
A nova versión do coche eléctrico Cupra Born converteuse no primeiro vehículo fabricado en Europa que permite utilizar o catalán na interface do seu sistema de información e entretemento. A novidade foi posible grazas á colaboración entre a empresa automobilística e entidades que promoven a presenza dixital do catalán.
Fonte: Diari de la Llengua
O Consello de Europa publicou un estudo sobre os principais retos e boas prácticas na protección das linguas rexionais e minoritarias en Europa. O informe analiza aspectos como o ensino destas linguas, a súa presenza social e o seu uso nas novas tecnoloxías e nas redes sociais. O obxectivo é identificar políticas eficaces que axuden a promover e preservar a diversidade lingüística no continente.
Fonte: Council of Europe
O ensino de portugués na rede do Instituto Camões enfróntase a problemas pola escaseza de docentes. Segundo a dirección da institución, aínda hai varios postos sen cubrir, especialmente na África austral e en Europa, o que dificulta a organización das clases. O Goberno portugués está a estudar cambios no marco legal do ensino do portugués no estranxeiro para atraer máis profesorado e mellorar o funcionamento do sistema.
Fonte: RTP
O Consorcio para a Normalización Lingüística presentou «ARA. Català per començar», un novo material didáctico de nivel A1 destinado a facilitar a aprendizaxe inicial do catalán, especialmente entre persoas acabadas de chegar. O recurso, de acceso aberto, está estruturado en 18 unidades e acompañado de guía didáctica e materiais audiovisuais, co que busca apoiar a entidades e profesorado que imparten cursos de acollida lingüística para persoas adultas.
Boletín
Subscríbase ao boletín




