A Universidade do País Vasco asume o reto de contribuír á creación de 300.000 novos falantes de éuscaro para 2036 e a incrementar o uso declarado ata o 20 %. O plan estratéxico 2026-2028 da institución prevé fomentar o uso do éuscaro, aumentar a súa presenza e calidade nos estudos de grao e posgrao, investigación e divulgación, e ofrecer acollida lingüística ao alumnado e persoal investigador estranxeiro.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Xunta de Galicia programa entre o 12 e o 24 de xuño o ciclo Cinema en galego en 11 localidades do Bierzo e Sanabria para “reforzar a presenza da nosa lingua neste territorio veciño, onde xa cotamos con estudos, con novas propostas lúdicas”, tal e como sinalou durante a presentación desta iniciativa o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
Máis de 100 concellos impartirán a partir de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas destinados á poboación non nada na Comunidade para favorecer a súa “integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva”, tal e como destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada de formación celebrada para as entidades locais que acollerán estas propostas.
A oferta de contidos en catalán en Disney+ amplíase coa incorporación de 37 novas dobraxes grazas á colaboración entre a plataforma, o Departamento de Política Lingüística e 3Cat, co que se eleva a 128 o número de títulos dispoñibles nesta lingua. O novo lote inclúe 30 películas de imaxe real, catro de animación e tres que combinan ambas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
A Academia de Ciencias Médicas de Bilbao e Euskaltzaindia asinaron por primeira vez un convenio de colaboración centrado na normalización do éuscaro e na difusión das normas lingüísticas de Euskaltzaindia. O acordo recolle atención ás consultas da academia sobre léxico, gramática e ortografía, así como colaboración en bolsas, cursos, programas e divulgación dos fondos en éuscaro das súas bibliotecas. Ademais, acordaron enriquecer e utilizar unha base de datos con máis de 110 millóns de palabras para apoiar o traballo de análise e normativización do idioma.
A Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan un curso de linguaxe xurídica galega e accesibilidade comunicativa, dirixido a persoal docente e investigador (PDI) e a persoal técnico de xestión de administración e servizos (PTXAS). O curso, de 8 horas de duración, impartirase presencialmente os días 16 e 17 de xuño de 2026 na aula de Civil da Facultade de Dereito.
O papa León XIV publicou a encíclica Magnifica Humanitas sen versión oficial en latín, algo inédito ata agora. A medida enmárcase nunha reforma lingüística máis ampla no Vaticano, que reduce o papel tradicional do latín e dá máis protagonismo ás linguas de uso internacional.
Fonte: Diari de la Llengua
Os VII Premios Mil Primaveras, organizados pola CTNL, celebrarán a súa entrega de galardóns o 13 de xuño no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra. Estes galardóns recoñecen accións, proxectos e programas que fomentan o uso e prestixio do galego. As catro iniciativas seleccionadas son As chaves da lingua, Comando Le, O Dépor é da Coruña e Revolta Galega, que recibirán un diploma e un trofeo artesanal.
Fonte: Premios Mil Primaveras
O Ministerio de Educación do Xapón prevé pór en marcha en 2027 un proxecto piloto para ofrecer formación básica en xaponés a nenos e nenas estranxeiros antes da súa incorporación plena ás aulas. A iniciativa responde ao forte aumento do alumnado que precisa apoio lingüístico: no curso 2025 rexistráronse case 85.000 estudantes con necesidades neste ámbito, o dobre que hai nove anos.
Fonte: Nippon
O Concello de Elgoibar, en colaboración con Danobatgroup e a editorial Elkar, convoca a V bolsa Gotzon Garate, con 8000 euros para apoiar novos escritores na creación dunha novela en éuscaro. A persoa gañadora contará con 12 meses para completar a obra e recibirá unha titoría literaria baixo a supervisión do Concello.
Fonte: Diario Euskadi
Boletín
Subscríbase ao boletín



