Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de xuño de 2026

    O Departamento de Saúde presenta o Plan de actuación 2026 para consolidar o uso do catalán no sistema sanitario público. O documento establece medidas organizativas, xurídicas e formativas para profesionais sanitarios, así como mecanismos para garantir os dereitos lingüísticos das persoas usuarias. Como novidade, incorpora un eixe centrado na gobernanza e seguimento, con órganos específicos que permitan avaliar, orientar prioridades e reforzar a rendición de contas.

    15 de xuño de 2026

    O presidente ucraíno, Volodymyr Zelenskyy, asinou unha lei que exclúe o ruso da lista de linguas protexidas pola aplicación ucraína da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. As autoridades xustifican a medida polo contexto da guerra con Rusia e forma parte dun proceso máis amplo de revisión da política lingüística do país.

    Fonte: Kyiv Post

    15 de xuño de 2026

    Un grupo internacional de estudantes e especialistas en bioloxía mariña desenvolveu novos signos para incorporar á lingua de signos británica (BSL) e facilitar o acceso das persoas xordas ao coñecemento sobre o medio mariño. A iniciativa, impulsada polo proxecto Marine Underwater Fish For Inclusion (MUFFIN), busca mellorar os recursos educativos e facer máis accesibles os contidos relacionados coa ciencia mariña.

    Fonte: BBC

     

    15 de xuño de 2026

    O Concello de Vitoria-Gasteiz impartirá cursos de éuscaro para diversos colectivos, cun investimento de 960.000 euros e un período de execución entre xullo de 2026 e xuño de 2028. A oferta, incluída nos plans AROA e de Normalización Lingüística, abrangue familias con fillos en idade escolar, persoas maiores de 55 anos, persoal municipal, persoal de comercio e hostalería, e cidadanía estranxeira. As clases serán presenciais e adaptadas a distintos niveis e necesidades formativas, e incluirán probas de nivel para acreditación.

    15 de xuño de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu á  terceira edición do festival Aquí tamén se fala, enmarcado na campaña de dinamización da lingua posta en marcha pola mocidade do instituto coruñés Rafael Dieste onde celebrou que “a música tamén sexa un gran medio para fomentar a presenza do galego, sobre todo entre as xeracións máis novas".

    15 de xuño de 2026

    A Universidade de Vigo lanza TermUVigo, un portal terminolóxico multilingüe en galego, castelán e inglés, destinado a sistematizar e ofrecer un repertorio fiable de termos académicos e institucionais. O proxecto busca favorecer unha comunicación clara, coherente e de calidade, así como reforzar a identidade institucional. O portal permite procuras simples e avanzadas, con filtros por termo ou código, e presenta información contextualizada, definicións, equivalencias e exemplos de uso.

    12 de xuño de 2026

    O aumento do alumnado estranxeiro en Portugal, que case se cuadriplicou na última década, está a impulsar iniciativas de apoio lingüístico en numerosos centros educativos. Nunha escola de Lisboa, onde o 39 % do alumnado ten orixe migrante, un proxecto baseado en actividades lúdicas e no acompañamento de persoas voluntarias axuda os nenos e nenas recentemente chegados a aprender portugués.

    Fonte: UN News

    12 de xuño de 2026

    O Goberno brasileiro aprobou a creación da primeira universidade federal indíxena do país, a Universidade Federal Indíxena (Unind). A institución terá a súa sede en Brasilia, mais contará cun modelo multicéntrico con campus noutras rexións para atender a diversidade territorial, cultural e lingüística dos pobos indíxenas.

    Fonte: Diari de la Llengua

    12 de xuño de 2026

    O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, felicitou o Instituto de Becerreá polo proxecto Tamén en Galego, unha iniciativa impulsada polo centro para promover o uso da lingua propia de Galicia nas administracións e establecementos do concello lucense.

    Fonte: Xunta de Galicia

    12 de xuño de 2026

    Un membro do Consello de Cornualles cuestionou que exista unha demanda social suficiente para xustificar o financiamento da estratexia de promoción da lingua córnica. Segundo sostén, non está claro se os obxectivos do plan responden ás prioridades da cidadanía no seu conxunto ou máis ben ás dun grupo reducido de defensores da lingua. O proxecto contempla investimentos para a próxima década e inclúe medidas educativas ambiciosas, como a introdución do córnico nas escolas e mesmo a creación dun centro educativo bilingüe.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder