Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de xuño de 2026

    A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC, polas súas siglas en catalán) reclámalle aos alcaldes da Cataluña Norte un maior compromiso económico para garantir a continuidade e expansión das clases de catalán nas escolas. A organización insiste en que o ensino da lingua propia é un dereito do alumnado e unha ferramenta fundamental para a súa transmisión ás novas xeracións.

    Fonte: Diari de la Llengua

    17 de xuño de 2026

    O Consello de Goberno aprobou a convocatoria de axudas EUSKARARTEA para o curso 2026-2027, cun orzamento de 190.000 euros, co fin de impulsar o uso do éuscaro nos centros concertados de Euskadi. As subvencións permitirán desenvolver actividades educativas, culturais e comunitarias que promovan a lingua e a cultura vasca, tanto dentro como fóra do aula, incluíndo teatro, música, bertsolarismo, narración oral, creación audiovisual ou proxectos comunitarios.

    17 de xuño de 2026

    A Obra Cultural Balear lanzou a campaña ‘Tria català’ para o curso 2026-2027, dirixida a familias que escolarizarán aos seus fillos e fillas aos tres anos, co obxectivo de promover a elección do catalán como primeira lingua de ensino. A iniciativa destaca os beneficios da consolidación oral do catalán na etapa infantil, vinculada á aprendizaxe posterior de lectura e escritura, e considera a lingua propia de Baleares como instrumento de cohesión social e igualdade de oportunidades.

    17 de xuño de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou a segunda edición da campaña Para gustos, cultura “coa que ofrecemos unha ampla e variada actividade cultural incluíndo máis de 40 tipoloxías de propostas”, destacou á vez que incidiu en que “este verán aumentamos as accións, ata as 3600, dando conta do bo momento do sector ás portas do Xacobeo 2027, e o do apoio que lle brindamos a través desta programación”.

    17 de xuño de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicitou os escolares galardoados nos premios Nós Tamén Creamos 2025-2026 aos que se referiu coma “os grandes artífices desta gran festa ao redor da lingua, do audiovisual e a literatura galegas”. Fíxoo na entrega de premios ás mellores curtametraxes do certame impulsado polas Consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para promover o uso da lingua galega a través de curtas de animación.

    16 de xuño de 2026

    A UNESCO e o Consorcio Unicode anunciaron unha colaboración para mellorar a presenza das linguas indíxenas en internet e nas tecnoloxías dixitais. A iniciativa, aliñada coa Década Internacional das Linguas Indíxenas (2022-2032), busca favorecer a preservación e revitalización lingüística mediante estándares tecnolóxicos, formación, investigación e cooperación con comunidades indíxenas.

    Fonte: UNESCO

    16 de xuño de 2026

    Un estudo publicado na revista científica JNeurosci suxire que as persoas bilingües non almacenan regras gramaticais separadas para cada idioma. Mediante técnicas avanzadas de rexistro da actividade cerebral, os investigadores observaron que o cerebro utiliza un mesmo sistema neuronal para procesar a gramática en diferentes linguas. Os resultados reforzan a idea de que existe unha arquitectura gramatical común e flexible, capaz de adaptarse a distintos idiomas sen necesidade de “motores” independentes para cada un deles.

    16 de xuño de 2026

    O Festival Llengües Sonores regresará o sábado 4 de xullo cunha noite de música en directo en valenciano. O evento contará coa participación de Romàntic Dimoni, Esther e Naina, en representación de diferentes estilos da escena musical valenciana. A iniciativa busca fomentar o uso do valenciano mediante a música, destacando a creatividade e a diversidade da produción artística nesta lingua. Ademais, promóvese como un espazo de encontro e cohesión social, que consolida o valenciano como vehículo de expresión cultural.

    16 de xuño de 2026

    Samsung incorpora o catalán como idioma nos menús da súa nova gama de televisores 2026. A medida afecta menús, navegación e manuais dixitais, co que consolida a presenza do catalán nas pantallas domésticas e responde así á demanda dunha comunidade dixital activa. Esta decisión segue a outros avances recentes en automoción, onde marcas como BYD, SEAT/CUPRA e Ebro/Omoda/Jaecoo integraron o catalán nos seus sistemas.

    16 de xuño de 2026

    ‘BabelBrain. O cerebro de Babel’, liderado por M. Carmen Parafita Couto na USC, investiga como as persoas adaptan o uso das linguas en contextos multilingües, comparando Galicia e Xibraltar. O proxecto recompila fala espontánea e cuestionarios para documentar interaccións reais e, posteriormente, analízaas mediante métodos experimentais coa finalidade de comprender o procesamento lingüístico e a influencia do contexto social.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder