A toponimia tradicional leonesa afronta un proceso de perda e substitución que afecta tanto a nomes de lugares como de montes, segundo denuncian persoas expertas e entidades culturais. Esta situación está vinculada ao desprestixio histórico do asturleonés, relegado ao ámbito familiar e sen apoio institucional abondo malia estar recoñecido como patrimonio que cómpre protexer. Cómpre, pois, recuperar os nomes propios do territorio, xa que neles se conserva memoria lingüística, paisaxística e cultural.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Generalitat de Cataluña abriu a consulta pública do decreto que regulará a avaliación e a certificación da lingua de signos catalá, co obxectivo de adaptala ás necesidades da comunidade signante. O futuro marco normativo establecerá acreditacións vinculadas aos niveis do Marco europeo común de referencia e ordenará as probas oficiais, os certificados vixentes e os requisitos do persoal avaliador.
Fonte: Diari de la Llengua
O alumnado de 4º da ESO do CPI O Cruce de Cerceda entregoulle á Barbería de Rebe o Premio ao uso do galego nas empresas, que recoñece os negocios locais que incorporan a lingua propia na súa actividade pública. A elección chegou tras a análise duns 50 establecementos, nos que se avaliou a presenza do galego na rotulación, na información escrita, na atención á clientela, na publicidade e nas redes sociais.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no acto de presentación das novelas finalistas do XX Premio Novela Europea Casino de Santiago, convocado pola Asociación Cultural Casino de Santiago co apoio da Xunta de Galicia.
Fonte: O Portal da Lingua
O ministro portugués de Asuntos Exteriores, Paulo Rangel, afirmou que o portugués dificilmente chegará a ser unha das linguas oficiais das Nacións Unidas debido aos importantes custos económicos que implicaría a tradución de documentos e os servizos de interpretación necesarios. As declaracións contrastan co obxectivo expresado anteriormente por Portugal e outros países da lusofonía de impulsar e afrontar os custos dese recoñecemento internacional.
O Concello de Alcoi promove a lectura en valenciano entre a infancia e a mocidade cunha serie de recomendacións literarias elaborado polo Gabinete Municipal de Normalización Lingüística. A proposta, dirixida ao alumnado dos centros educativos da cidade, organiza as obras por etapas e incorpora tanto títulos xuvenís internacionais como creacións de autoría local.
Fonte: Ajuntament d'Alcoi
A Biblioteca CESUGA, na Coruña, acolle o 19 de xuño a presentación pública dun estudo sobre a situación sociolingüística do galego nas pemes urbanas de Galicia. A investigación, promovida pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello e desenvolvida no seo de CESUGA, analiza a presenza da lingua no tecido empresarial das cidades galegas.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A medida prevé informar a nova veciñanza, no momento do empadroamento, dos recursos dispoñibles para aprender e practicar a lingua. No ámbito comercial, o consistorio intensificará o seguimento do cumprimento da normativa lingüística, en especial na rotulación e na información destinada ás persoas consumidoras. Ademais, impulsaranse accións formativas para persoal de sectores con atención ao público e actualizaranse os materiais municipais dirixidos aos establecementos.
O Instituto Internacional da Língua Portuguesa organizará en Santiago de Compostela un curso de capacitación para elaborar materiais destinados ao ensino do portugués a persoas galegofalantes. A formación celebrarase do 6 ao 11 de xullo, co apoio da Xunta de Galicia, da AGLP e da Associação de Docentes de Português na Galiza. A iniciativa procura crear recursos didácticos adaptados ao contexto lingüístico galego e consolidar equipos locais que lles dean continuidade a estes traballos.
Cinco episodios da popular serie infantil Bluey estarán dispoñibles por primeira vez en yolŋu matha, unha lingua aborixe falada no nordeste da Terra de Arnhem, Australia. O proxecto pretende dar visibilidade ás linguas das Primeiras Nacións australianas e contribuír á súa transmisión entre as novas xeracións mediante un dos contidos infantís máis populares do país.
Fonte: The Guardian
Boletín
Subscríbase ao boletín

