Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de xuño de 2026

    A Asociación para o Ensino do Catalán (APLEC) reclama que o catalán estea dispoñible en todos os centros escolares da Cataluña Norte. A proposta busca garantir que todo o alumnado poida aprender a lingua propia do territorio en igualdade de condicións, con independencia do centro no que estude, reforzando así a súa presenza no sistema educativo. Esta iniciativa inscríbese nos esforzos por preservar e normalizar o uso do catalán nun contexto no que o seu emprego social segue a ser minoritario ou está claramente minorizado.

    12 de xuño de 2026

    O Consell encargoulle á firma valenciana Invest Group a realización dunha nova enquisa sobre o uso e o coñecemento do valenciano, cun investimento de 172.248 euros, co obxectivo de recoller datos do presente exercicio. O estudo, incluído no Plan Valenciano de Estatística 2025-2028, implicará 8043 entrevistas a domicilio con persoas maiores de 15 anos, seguindo un cuestionario definido pola Subdirección Xeral de Política Lingüística.

    12 de xuño de 2026

    A Academia Valenciana da Lingua presentou o Nomenclátor Toponímico Valenciano, unha ferramenta que recolle e sistematiza máis de 125.000 nomes de lugares, co que duplican os recollidos no anterior corpus de 2009, ademais de incorporar xeorreferenciación. O proxecto, elaborado pola Sección de Onomástica, ofrece unha análise lingüística e etimolóxica que permite a profesionais, persoal investigador e persoas afeccionadas acceder a topónimos normalizados, oficiais e de uso obrigatorio en cartografía e documentos públicos.

    11 de xuño de 2026

    O Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria celebrouse na USC para promover a colaboración entre ámbito académico, investigación e empresas no desenvolvemento e a adopción de tecnoloxías lingüísticas baseadas en intelixencia artificial. Presentáronse recursos abertos como ALIA Kit e proxectos como VERA, OSIX Tech e un asistente virtual intelixente en galego, que facilitan a tradución automática, avaliación de contidos e acceso á información pública.

    11 de xuño de 2026

    A Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral da Lingua, e mais a Irmandade Xurídica Galega concluíron as roldas de conversas mantidas coas forzas e corpos de seguridade e outras institucións públicas para acadar o primeiro grande acordo a prol da promoción do uso do galego neste ámbito.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    11 de xuño de 2026

    Centos de familias ven que se lles nega a posibilidade de matricular os seus fillos en valenciano, debido a que a Consellería de Educación asigna as aulas segundo a elección do curso anterior e non ten en conta as preferencias actuais. A asociación Famílies pel Valencià insta as familias e direccións a presentar reclamacións e pídelle á Consellería rectificación inmediata para garantir igualdade de elección.

    10 de xuño de 2026

    O Goberno dos Países Baixos prepara medidas para reforzar a aplicación da obriga de dominar o neerlandés entre as persoas que perciben prestacións sociais. Os concellos que non fagan cumprir esta norma poderían enfrontarse a sancións económicas, mentres que se prevé aumentar tamén a redución das axudas para quen non mellore o seu nivel lingüístico.

    Fonte: Dutch News

    10 de xuño de 2026

    O presidente da República de Portugal, António José Seguro, pediu ás autoridades de Luxemburgo que amplíen a oferta do portugués como materia opcional nos currículos escolares. O mandatario lembrou que arredor dun terzo da poboación do país é lusófona e destacou a importancia da lingua portuguesa para fortalecer a cohesión da comunidade emigrante e ampliar as oportunidades educativas e profesionais do alumnado.

    Fonte: TSF Rádio Notícias

    10 de xuño de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega de premios do II concurso As Feiras Tradicionais Galegas, celebrado no Museo do Campo e a Mecanización no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    10 de xuño de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, supervisou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) o desenvolvemento das probas de acreditación do Celga no seu nivel 1, no marco da primeira convocatoria de probas Celga 2026 celebradas na capital de Galicia, en Ponferrada e en Madrid desde o 23 de maio ata o 7 de xuño.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder