Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de xuño de 2026

    A Deputación da Coruña recoñeceu a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua, dos que valorou o seu compromiso coa promoción e a normalización do galego. O xurado destacou tanto a defensa dos dereitos lingüísticos e a creación literaria de Callón, como a traxectoria de trinta anos da CTNL. Os proxectos A Gramola Gominola e Vitamina G foron elixidos polo seu impacto na infancia e a mocidade, e polo fomento do uso público do galego e a cohesión social en contornos desfavorecidos lingüisticamente.

    01 de xuño de 2026

    A Xunta de Galicia abriu o prazo para solicitar as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que ofrece en nove universidades de España, Portugal, Brasil, Italia e Croacia, e as que se destinan 433.353 € no marco do compromiso do Goberno autonómico coa proxección exterior da lingua e coa inserción no mundo laboral.

    30 de maio de 2026

    O uso crecente de ferramentas de IA no xornalismo está a facer que os textos sexan máis previsibles e menos variados. Esta automatización estilística leva a unha perda de diversidade expresiva e fai que moitas noticias compartan estruturas e formas de redacción moi semellantes.

    Fonte: The Coversation

    30 de maio de 2026

    Un informe advirte de que o ensino do portugués no Canadá está limitado pola falta de docentes formados. Esta carencia afecta ao desenvolvemento do idioma nas escolas e preocupa ás comunidades lusófonas, que consideran necesario reforzar a formación e o apoio institucional para garantir a súa continuidade educativa.

    Fonte: Observatório da Língua Portuguesa

    29 de maio de 2026

    Islandia conseguiu a devolución temporal de varios manuscritos antigos e pouco comúns que estaban en Suecia, e que agora se exhiben en Reiquiavik. Estes documentos teñen grande importancia histórica e lingüística, xa que permiten estudar mellor a tradición literaria islandesa e a evolución da súa lingua ao longo do tempo.

    Fonte: Iceland Review

    29 de maio de 2026

    O avance das ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á tradución e á comunicación multilingüe está a facer que moitas persoas cuestionen a utilidade de aprender linguas estranxeiras. A posibilidade de traducir case instantaneamente reduce barreiras comunicativas, mais a aprendizaxe de idiomas segue sendo importante para captar matices culturais e contextuais que a IA non sempre interpreta correctamente.

    29 de maio de 2026

    Un estudo de Plataforma per la Llengua sinala que a xentrificación está expulsando o catalán do barrio do Poblenou en Barcelona, coincidindo coa subida dos prezos da vivenda e coa chegada de poboación con maior poder adquisitivo. O informe evidencia que o uso social do catalán diminúe en comercios, rotulación e atención ao público, mentres crecen o inglés e o castelán. A falta de arraigamento dos novos residentes limita a adopción da lingua, mentres que políticas de promoción urbanística e comercial contribúen á transformación lingüística.

    29 de maio de 2026

    A Escola Galega de Administración Pública, xunto coa Secretaría Xeral da Lingua, convoca dous cursos de linguaxe xurídica en galego para 2026, de nivel medio e superior, destinados ao persoal da Administración de Xustiza que traballe fóra de Galicia. A formación será en liña e o prazo de inscrición estará aberto ata o 5 de xuño.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de maio de 2026

    A USC convoca os Premios á Calidade Lingüística para recoñecer os mellores traballos académicos escritos e defendidos en galego, incluíndo cursos de grao, TFG e TFM, coa finalidade de promover un uso rigoroso da lingua entre o estudantado. Establécense quince premios de 150 euros, acompañados de diplomas, distribuídos entre as principais áreas de coñecemento. Os prazos de presentación son o 31 de xullo para traballos de grao e o 30 de setembro para TFG e TFM.

    28 de maio de 2026

    O colexio Poeta Uxío Novoneyra, de Folgoso do Courel, recibiu a cualificación de «excelente» polo proxecto «Palabra no tempo», centrado na recuperación do léxico tradicional da serra. O recoñecemento inclúe unha achega de 2000 euros, certificación para o profesorado e difusión institucional. A iniciativa permitiu recompilar 370 palabras e expresións da comarca, algunhas delas ameazadas pola perda de transmisión xeracional, e deu lugar a materiais didácticos e a un dicionario patrimonial.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder