Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de maio de 2026

    O Goberno vasco aprobou unha nova liña de axudas de 2,25 millóns de euros para que as persoas que estudaron éuscaro no curso 2025-2026 poidan recuperar parte ou a totalidade da matrícula. A medida intégrase nunha estratexia máis ampla para avanzar cara á gratuidade da aprendizaxe e favorecer non só o acceso, senón tamén a continuidade e o uso real da lingua. Nos últimos cinco anos, o Executivo destinou 25,1 millóns a estas políticas, das que se beneficiaron 43.500 persoas, cun aumento notable das matriculacións nos euskaltegis.

    27 de maio de 2026

    Yisus Editorial nace como un novo selo dedicado a publicar manga en galego, co propósito de conectar esta lingua coa cultura pop, internet e as novas xeracións lectoras. O proxecto estrearase o 11 de xuño con Algún día volverémonos ver, da autora chinesa Smalltung, unha obra de xénero yuri ambientada no Hong Kong de 2019. A editora busca crear un espazo estable para o manga en galego e responder a unha demanda cultural xuvenil que, até agora, apenas contaba con oferta na lingua propia.

    27 de maio de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do libro Manuel Curros Enríquez. Cartas a José Ojea (1904-1908), no que se recollen 30 misivas manuscritas que o escritor de Celanova dirixiu ao seu amigo José Ojea e que supón, destacou, “a oportunidade de achegarnos a ao autor desde outra perspectiva, redescubrindo outros aspectos da súa personalidade, das súas vivencias e do seu contexto”.

    26 de maio de 2026

    O Ministerio de Educación de Francia decidiu permitir que os exames do bacharelato se poidan realizar en linguas minorizadas, o que supón un avance no seu recoñecemento no sistema educativo. A medida responde a anos de reclamacións de asociacións culturais e lingüísticas, mais tamén xera debate sobre a súa aplicación e impacto no sistema educativo.

    Fonte: Diari de la Llengua

    26 de maio de 2026

    Un documental mostra a situación do jèrriais, a lingua tradicional da illa de Jersey, e os esforzos para a súa recuperación. Recolle testemuños dos últimos falantes nativos e destaca que o número de persoas que o falan está a diminuír rapidamente. Tamén lembra que no pasado o seu uso foi desanimado e mesmo castigado nas escolas. 

    Fonte: BBC

    26 de maio de 2026

    A Universidade Pública de Navarra incorporará no curso 2026-2027 un título propio de experto en planificación lingüística para a revitalización e a promoción social do éuscaro, financiado polo Goberno navarro. A formación, impartida integramente en éuscaro e en modalidade en liña, busca preparar persoal cualificado para deseñar, xestionar e avaliar políticas lingüísticas en contextos plurilingües. O programa abordará sociolingüística, normativa, xestión institucional e promoción do éuscaro nos ámbitos socioeconómico e non formal.

    26 de maio de 2026

    Xirona é a primeira cidade catalá en elaborar unha enquisa propia sobre usos lingüísticos cos estándares da Enquisa de Usos Lingüísticos da Poboación (EULP), que sitúa no 60,7 % a poboación que emprega habitualmente o catalán, só ou combinado con outras linguas. O estudo amosa unha presenza destacada da lingua en ámbitos como o traballo, o comercio, a restauración ou a atención médica, aínda que só unha de cada catro persoas mantén o catalán cando recibe resposta en castelán.

    26 de maio de 2026

    A Universidade de Santiago investigará, a través do proxecto IDEOLINGAL, como a creación de contido en galego en Instagram e TikTok está a influír nas ideoloxías lingüísticas e na construción de identidades entre a xente nova. O estudo, liderado polo Instituto da Lingua Galega, analizará durante tres anos a oralidade dixital, o contacto co castelán e co inglés, o papel das variedades dialectais e a procura dunha expresión máis natural nas redes. A investigación tamén abordará a dimensión económica destes novos perfís, cada vez máis presentes en campañas de comunicación e márketing.

    26 de maio de 2026

    A Xunta colaborará con PuntoGal nun proxecto para analizar a presenza do galego nos buscadores e medir como os algoritmos condicionan a visibilidade das linguas minoritarias na internet. O convenio, dotado con 64.000 euros, permitirá facer un seguimento dos resultados de busca en galego, crear unha base de datos, elaborar informes anuais e organizar xornadas sobre posicionamento dixital. A iniciativa tamén estudará o impacto da intelixencia artificial nos resultados ofrecidos por Google e outros servizos de procura.

    25 de maio de 2026

    Segundo datos difundidos polo British Council, existen máis de 6000 persoas que falan o chamado “galés patagón”, unha variedade do galés presente en comunidades da Patagonia arxentina. Este fenómeno lingüístico está ligado á emigración galesa histórica cara a esa rexión, onde a lingua se mantivo en determinados ámbitos familiares e comunitarios.

    Fonte: El Valle

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder