O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou o XXIII Festival de Cans, onde participou na inauguración da rúa Efémera Celso Bugallo, no Torreiro, acompañado de Alfonso Pato, director do festival, e do actor Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán". O responsable da Lingua mantivo un encontro co profesorado e o alumnado gañadores do Concurso Escolar Rec.Curta 2026 dos colexios Franciscanos de Lugo e Santa María de Tui, das Escolas Católicas de Galicia.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Un ano máis, o alumnado que estuda galego no IE Vicente Cañada Blanch de Londres visita Galicia no marco da súa Viaxe da Lingua 2026, que os achega de primeira man á lingua, literatura e cultura galegas durante unha semana. O secretario xeral da Lingua, Valentín García; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora-xerenta da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, recibiron no Gaiás aos 22 alumnos e alumnas e o seu profesor, Román Landín, no remate do seu periplo cultural deste curso.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situou a defensa e promoción do galego como un asunto de país e apelou á necesidade de avanzar nun Pacto pola Lingua “realista e consensuado” que permita blindar a pervivencia e o crecemento do idioma. No acto institucional do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño, Rueda reivindicou o galego como principal elemento identitario de Galicia e defendeu a importancia de fomentar o seu uso entre a mocidade, especialmente nos ámbitos cotiáns e dixitais.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse en Lisboa coa presidenta do Instituto Camões, Florbela Paraíba, para afondar na colaboración entre Galicia e Portugal e reforzar así os vínculos educativos no marco da lusofonía. Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de avanzar no desenvolvemento de iniciativas como as Escolas de Fronteiras, ademais de facer balance do programa polo que a Xunta facilita que o alumnado que cursa portugués en Galicia acredite as súas competencias de balde.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na XII Festa da Lingua, organizada polos nove centros de ensino que integran a Coordinadora Comarcal Terras do Umia, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. No encontro, que se celebrou na Tafona, participaron case 1200 escolares de primaria, secundaria e bacharelato, e preto de 120 profesores. Na XII Festa da Lingua actuou un dos grupos máis populares do panorama musical galego: The Rapants.
Pamplona pecha o proceso participativo «Iruñean HIRIERAZ mucho que hablar», que servirá de base para o futuro Plan de normalización lingüística do éuscaro 2027-2031. A iniciativa reuniu un cento de persoas e 38 entidades, que achegaron máis de cen propostas centradas en reforzar o uso cotián da lingua, especialmente entre a infancia e a mocidade. As conclusións tamén destacan a necesidade de ampliar a aprendizaxe, mellorar a capacitación da Administración, aumentar a visibilidade social do éuscaro e implicar o comercio, a hostalaría e o tecido socioeconómico.
Un estudo da investigadora Elisa Suárez Caramés analiza os nomes comerciais de Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense como parte da paisaxe lingüística urbana e como reflexo da realidade social, económica e cultural das cidades. A investigación conclúe que o castelán é a lingua maioritaria nestes rótulos, mentres que o galego ocupa un espazo menor, aínda que gaña presenza en sectores como a hostalería e a alimentación, asociado a valores de proximidade e tradición.
A creación de contido en catalán vive un momento de consolidación, avalado polo forte aumento de visualizacións en redes e pola segunda edición dos Premios CRIT, que reuniron en Barcelona boa parte do sector. A gala recoñeceu a Laura Grau como mellor creadora do ano e puxo en valor a capacidade do catalán para xerar audiencia, profesionalización e comunidade dixital.
Fonte: Diari de la Llengua
Microsoft, Google.org, a Fundación Gates e a comunidade investigadora Masakhane lanzaron LINGUA Africa, unha iniciativa destinada a apoiar proxectos de intelixencia artificial centrados nas linguas africanas. O programa ofrecerá financiamento e colaboración técnica para mellorar os modelos lingüísticos en idiomas pouco representados no ecosistema dixital.
Fonte: Slator
A literatura catalá ocupará o papel de convidada de honra no Salón Internacional do Libro de Turín de 2027, un dos eventos editoriais máis importantes de Europa. A participación incluirá un gran espazo expositivo, presentacións, encontros con autores e actividades culturais na cidade. A iniciativa busca reforzar a proxección internacional da cultura e da edición en lingua catalá.
Fonte: VilaWeb
Boletín
Subscríbase ao boletín


