Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de maio de 2026

    O alumnado do CIFP Portovello de Ourense coñeceu de primeira man a estratexia comunicativa do Celta nun encontro centrado en empresas que empregan o galego como lingua principal. Andrés Montenegro e André Taboada explicaron como o club integra a lingua en campañas, redes sociais, contidos audiovisuais e accións coa afección, non como recurso puntual, senón como parte da súa identidade e da súa estratexia empresarial. A sesión abriu tamén un diálogo sobre o papel do deporte como altofalante da cultura galega e como espazo de conexión co territorio.

    15 de maio de 2026

    Melide é, en termos porcentuais, o concello coruñés con máis inscricións funerarias en galego, cun 5,6 % dos panteóns censados, segundo o proxecto Palabra e Memoria. O estudo, realizado por Socorro Cea en trinta cemiterios do municipio, mostra unha maior presenza da lingua no camposanto municipal do Castelo e porcentaxes máis baixas nos parroquiais.

    14 de maio de 2026

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da Secretaría Xeral da Lingua, e Renfe Viajeros colaboran un ano máis para homenaxear a figura homenaxeada pola Real Academia Galega este 17 de maio, Begoña Caamaño. Ao longo de todo este mes, a imaxe institucional do Día das Letras Galegas da campaña da Xunta de Galicia viaxará nos repousacabezas dos trens de alta velocidade dos traxectos de Media Distancia e Avant.

    14 de maio de 2026

    A Universidade Autónoma de Barcelona e o TERMCAT presentaron o primeiro dicionario terminolóxico en catalán sobre corrupción e transparencia, unha obra en liña que reúne preto de 200 termos xurídicos, políticos, sociais e xornalísticos. O recurso busca cubrir un baleiro terminolóxico e facilitar que se fale con precisión en catalán sobre boas prácticas, malas prácticas e marco penal da corrupción.

    14 de maio de 2026

    A Generalitat recibiu o ano pasado 3594 queixas por posibles vulneracións lingüísticas, case dez ao día e un 56 % máis ca no exercicio anterior. A maior parte canalizáronse a través da Axencia Catalá de Consumo, que realizou máis dun milleiro de inspeccións e abriu procedementos sancionadores nunha parte significativa dos casos. O ámbito sanitario foi o segundo con máis reclamacións, cun forte incremento respecto de anos previos e co catalán como lingua afectada na maioría das incidencias.

    14 de maio de 2026

     

    Proxector, a iniciativa de divulgación en galego impulsada polo Consello da Cultura Galega e a Universidade de Santiago, dedica unha nova entrega ás diversidade biolóxica co gallo da celebración do seu día internacional que se celebra o 22 de maio. A proposta reúne doce vídeos centrados na biodiversidade galega e nos ecosistemas do país, desde os bosques de ribeira ata as illas atlánticas, o Xurés ou o litoral mariño.

    14 de maio de 2026

    Rinoceronte Editora e TICGAL lanzan Rinodicionarios, unha aplicación móbil gratuíta que reúne nunha soa interface catro ferramentas lexicográficas para o galego: dicionarios español-galego, latín-galego, etimolóxico e complementario. A proposta, dispoñible para Android e iOS, incorpora máis de 27.000 entradas, locucións, topónimos, buscas recentes, favoritos e palabra do día, ademais de garantir privacidade e acceso sen custos.

    13 de maio de 2026

    O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, referiuse esta mañá no Parlamento de Galicia ao traballo da Xunta para incrementar o uso do galego na sanidade pública con medidas a prol da concienciación dos profesionais e da prestación dos servizos na lingua de cada paciente.

    13 de maio de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou estes días en Estocolmo en diversas citas convocadas pola Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, onde deu conta ante os representantes doutros territorios con linguas propias dos proxectos da Xunta de Galicia para dinamizar o galego, “un traballo realizado ao abeiro do Pacto pola Lingua moi recoñecido e valorado pola rede”, apuntou.

    13 de maio de 2026

    O Ilustre Colexio da Avogacía de Barcelona (ICAB) abriu o ciclo Diálogos sobre o catalán no dereito coa presentación dunha diagnose que alerta da feble presenza desta lingua no ámbito xurídico e xudicial. Òmnium Cultural denunciou que só o 6,5 % das sentenzas en Cataluña se emiten en catalán e advertiu de que moitos dereitos lingüísticos recoñecidos non se cumpren na práctica.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder