Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de maio de 2026

    Estudantes albaneses de Macedonia do Norte anunciaron que continuarán as protestas contra a decisión de manter o exame de avogacía unicamente en macedonio e reclamaron poder realizalo tamén en albanés. As mobilizacións reabriron o debate político e social sobre os dereitos lingüísticos da minoría albanesa no país, onde o albanés ten status de lingua cooficial desde 2019.

    Fonte: Balkan Insight

    15 de maio de 2026

    O Partido pola Vida Libre do Kurdistán pediu á poboación kurda que priorice o uso da lingua kurda e dos seus dialectos na vida diaria, coincidindo co Día da Lingua Kurda. A organización destacou que a defensa da lingua constitúe unha responsabilidade cultural, política e moral fronte ás políticas de asimilación denunciadas en distintos estados que ocupan o Kurdistán.

    Fonte: ANHA

    15 de maio de 2026

    A Facultade de Educación elaborou un informe sobre os usos lingüísticos do alumnado que evidencia a necesidade de reforzar as competencias e os hábitos de uso do catalán entre os futuros docentes. Aínda que predominan os perfís bilingües e catalanfalantes, o estudo detecta que o castelán segue tendo máis presenza nos usos cotiáns e informais, mesmo en contextos académicos, así como dinámicas persistentes de substitución lingüística.

    15 de maio de 2026

    O Goberno vasco, o Goberno de Navarra e o Organismo Público do Éuscaro de Iparralde renovaron até 2029 o Pacto Tripartito para reforzar a promoción e o uso social do éuscaro mediante cooperación transfronteiriza. O acordo fixa liñas de traballo en educación, aprendizaxe de persoas adultas, lecer, deporte, ámbito socioeconómico, contorno dixital, medios e investigación sociolingüística.

    15 de maio de 2026

    Unha estudante da Universidade de Macau conseguiu o primeiro premio no Concurso de Elocuencia en Lingua Portuguesa. O certame reuniu alumnado de varias universidades de Macau e promoveu o uso do portugués entre a mocidade.

    Fonte: Plataforma Media

    15 de maio de 2026

    O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa e a Academia de Ciencias de Lisboa presentaron o Atlas Lexicográfico da Lingua Portuguesa con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa. A nova ferramenta dixital busca promover e estudar a diversidade léxica do portugués nos países da CPLP e estará aberta á participación de persoas interesadas.

    Fonte: CPLP

    15 de maio de 2026

    O alumnado do CIFP Portovello de Ourense coñeceu de primeira man a estratexia comunicativa do Celta nun encontro centrado en empresas que empregan o galego como lingua principal. Andrés Montenegro e André Taboada explicaron como o club integra a lingua en campañas, redes sociais, contidos audiovisuais e accións coa afección, non como recurso puntual, senón como parte da súa identidade e da súa estratexia empresarial. A sesión abriu tamén un diálogo sobre o papel do deporte como altofalante da cultura galega e como espazo de conexión co territorio.

    15 de maio de 2026

    Melide é, en termos porcentuais, o concello coruñés con máis inscricións funerarias en galego, cun 5,6 % dos panteóns censados, segundo o proxecto Palabra e Memoria. O estudo, realizado por Socorro Cea en trinta cemiterios do municipio, mostra unha maior presenza da lingua no camposanto municipal do Castelo e porcentaxes máis baixas nos parroquiais.

    14 de maio de 2026

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da Secretaría Xeral da Lingua, e Renfe Viajeros colaboran un ano máis para homenaxear a figura homenaxeada pola Real Academia Galega este 17 de maio, Begoña Caamaño. Ao longo de todo este mes, a imaxe institucional do Día das Letras Galegas da campaña da Xunta de Galicia viaxará nos repousacabezas dos trens de alta velocidade dos traxectos de Media Distancia e Avant.

    14 de maio de 2026

    A Universidade Autónoma de Barcelona e o TERMCAT presentaron o primeiro dicionario terminolóxico en catalán sobre corrupción e transparencia, unha obra en liña que reúne preto de 200 termos xurídicos, políticos, sociais e xornalísticos. O recurso busca cubrir un baleiro terminolóxico e facilitar que se fale con precisión en catalán sobre boas prácticas, malas prácticas e marco penal da corrupción.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder