A canle de televisión pública À Punt entregou os premios da primeira edición de Apunts de Llengua, un certame que recoñece os mellores videotitoriais sobre valenciano en dúas modalidades, unha centrada na explicación da lingua e outra na comparación co inglés. Ao concurso, aberto a profesorado e alumnado de distintos niveis educativos da Comunidade Valenciana, presentáronse 39 pezas audiovisuais.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A radiotelevisión pública irlandesa RTÉ anunciou que ao longo de 2026 incrementará as retransmisións deportivas con comentarios en lingua irlandesa, incluíndo partidos destacados de fútbol e rugby. A medida amplía a presenza do irlandés nas emisións deportivas e forma parte da estratexia do ente público para promover o uso da lingua propia nos seus contidos audiovisuais.
Fonte: RTÉ
O Departamento de Política Lingüística abre o prazo para solicitar axudas destinadas á dobraxe e á subtitulación en catalán de longametraxes de estrea en salas comerciais, co fin de ampliar a oferta audiovisual nesta lingua. En 2025 subvencionáronse 85 títulos, entre eles varias das producións máis vistas do ano no conxunto do Estado. A convocatoria inscríbese nunha estratexia máis ampla para reforzar a presenza do catalán no ámbito audiovisual.
O colectivo Fala Ceibe do Bierzo reclama unha reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León e da Lei comarcal para reforzar a protección e o uso administrativo do galego na comarca. A entidade considera insuficiente o recoñecemento actual, limitado á promoción cultural, e propón garantir unha presenza efectiva no ensino e nas institucións locais das zonas onde se fala. A lingua mantén un uso tradicional no oeste berciano, nun contexto de contacto co castelán e o leonés.
O presidente de Polonia, Karol Nawrocki, vetou a norma aprobada polo Parlamento que outorgaba ao silesiano o status de lingua rexional. O xefe do Estado xustificou a súa decisión con argumentos de carácter lingüístico e político, ao considerar que non existe consenso suficiente para o recoñecemento oficial.
Fonte: Diari de la Llengua
A literatura galega suma premios estatais e recoñecemento crítico, mais o sector editorial afronta unha cota de mercado que cae ata o 7%, nun contexto de retroceso do uso social da lingua. Xerais e Galaxia constatan altibaixos nas vendas e reclaman maior apoio institucional, máis visibilidade nas librarías e presenza nos medios para fortalecer o libro en galego. A mellora do índice lector en Galicia, que acada o 65,9%, non se traduce nun incremento proporcional da lectura na lingua propia.
A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2026, dedicado a Begoña Caamaño, que recaeron no colexio ourensán de Ribadavia e no instituto Castelao, de Vigo, polas súas exposicións nas que poñen en valor as achegas da homenaxeada á cultura e lingua galega a través do seu labor xornalístico e literario.
As autoridades letoas están a dar pasos para suprimir progresivamente a presenza da lingua rusa nas emisoras comerciais de radio. A iniciativa inscríbese nun conxunto de políticas orientadas a fortalecer o uso do letón nos medios de comunicación e no espazo público.
Fonte: United 24 Media
O Ministerio de Educación do Brasil anunciou que destinará recursos á produción e distribución de materiais didácticos en linguas indíxenas para centros educativos situados en territorios de pobos orixinarios. A medida pretende reforzar a educación bilingüe e contribuír á preservación de idiomas que forman parte do patrimonio cultural do país.
Fonte: Rádio Senado
A Xunta reforza os lazos coa lusofonía co apoio, un ano máis, do Festival Converxencias que programa, ata o 15 de marzo, un total de 16 actividades entre Galicia e Portugal que abranguen concertos, teatro, cinema e poesía, entre outras actividades. Así o deu a coñecer hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación da duodécima edición deste certame.
Boletín
Subscríbase ao boletín



