A 26ª edición do Correlingua arrincou en Santiago cunha xornada festiva baixo o lema «Co galego no corazón, facemos revolución». A iniciativa reunirá alumnado de toda Galicia nun percorrido que combinará actividades lúdicas, educativas e reivindicativas. Tras 26 anos de traxectoria, o Correlingua consolídase como unha das principais accións de promoción do uso social do galego entre as novas xeracións.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Lugo acolleu a presentación da edición en galego do Libro branco da influencia responsable e da ferramenta gratuíta Thinkfluencer, orientadas a promover prácticas máis éticas, transparentes e sustentables entre as persoas creadoras de contido. A iniciativa enmárcase no programa Dalle Like, que busca recoñecer o talento galego no ámbito dixital.
Fonte: Código Cero
O Termcat e Arrels Fundació presentaron o Dicionari del sensellarisme, unha obra que reúne máis de 560 termos vinculados á realidade das persoas sen fogar co obxectivo de ofrecer unha terminoloxía precisa e libre de estigmas. O proxecto procura mellorar a comprensión social do fenómeno e facilitar o traballo coordinado entre administracións, profesionais e entidades sociais nun contexto de crecente complexidade habitacional.
Donostia poñerá en marcha unha nova quenda de Parketarrak, un programa gratuíto de lecer infantil en éuscaro que chegará a dezaoito barrios da cidade entre o 4 e o 22 de maio. A iniciativa propón xogos e actividades para crianzas de 3 a 9 anos e as súas familias, co obxectivo de fomentar o uso da lingua nos parques e espazos de convivencia cotiá. Tras a boa acollida das sesións anteriores, o Concello e as comisións de éuscaro dos barrios reforzan así unha proposta que combina xogo, socialización e transmisión lingüística.
Sete entidades reeditarán o reto «Mantinc el català», unha iniciativa de 21 días para fomentar o hábito de manter o catalán en calquera situación e con todas as persoas, sen prexuízos sobre quen poida entendelo. Nesta edición, que se desenvolverá do 7 ao 28 de maio, a campaña pon o foco no ámbito sanitario, ao considerar que a atención na lingua dos pacientes reforza a confianza, os dereitos e a calidade humana do servizo.
A organización internacional non gobernamental Human Rights Watch denunciou que o Goberno chinés está a aplicar políticas educativas que favorecen o mandarín e reducen progresivamente o uso do tibetano nas escolas infantís. A organización alerta de que o chamado plan de “harmonización lingüística” busca acelerar a asimilación cultural da poboación tibetana, limitando a presenza da súa lingua e identidade nas aulas.
Fonte: Human Rights Watch
A capital de Timor Leste inaugurou unha exposición dedicada ao escritor portugués José Saramago para dar inicio ás celebracións do Día Mundial da Lingua Portuguesa. A mostra pon en valor unha faceta menos coñecida do autor: a súa poesía. Ao longo da semana celebraranse diversas actividades culturais e educativas vinculadas á lingua portuguesa, co obxectivo de promover a lusofonía e fortalecer a cooperación cultural entre os países de fala portuguesa.
A plataforma Queremos Galego convocou para o Día das Letras Galegas unha manifestación en Santiago baixo o lema «O galego, lingua vital», coa que reivindicará a presenza normalizada da lingua en todos os ámbitos da vida cotiá. A marcha sairá da Alameda cara á Praza da Quintana e irá acompañada dunha campaña de apoio ao protocolo Lingua Vital, que reúne preto de 300 medidas para reforzar os dereitos lingüísticos.
O Concello de Redondela presentou o novo volume dedicado á microtoponimia do Viso, dentro dun proxecto que busca preservar a memoria lingüística e cultural das parroquias do municipio mediante a recollida dos nomes tradicionais transmitidos oralmente. A obra, elaborada por Teresa Monteagudo, será distribuída de balde entre a veciñanza para facilitar o acceso a este patrimonio común. A iniciativa continuará este ano con novos traballos en Chapela e Trasmañó, co obxectivo de completar o mapa toponímico municipal.
O alcalde de Vilnius, capital de Lituania, iniciou unha campaña de recollida de sinaturas para propor que os cidadáns de fóra da UE teñan que acreditar coñecementos básicos de lituano (nivel A2) para renovar o seu permiso de residencia tras tres anos no país. A medida busca reforzar a integración e promover o uso da lingua vernácula entre a poboación estranxeira residente.
Fonte: Reform
Boletín
Subscríbase ao boletín