Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de febreiro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do libro trilingüe xaponés-francés-galego Sanshô-Dôei. Eihei Dōgen (永平道元). Escolma, no que Eme Cartea verte ao galego trinta wakas do mestre xaponés, con ilustracións de Doroteo Arnáiz.

    04 de febreiro de 2026

    A Dirección Xeral de Traballo de Islandia puxo en marcha un curso de iniciación á lingua de signos islandesa para persoas migrantes xordas con pouco ou ningún coñecemento previo. A formación ten como obxectivo mellorar a inclusión, a comunicación e a integración social deste colectivo.

    Fonte: Ísland.is

    04 de febreiro de 2026

    O Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) anunciou a creación de novos programas de apoio destinados a promover o uso do portugués na investigación, no ensino superior e en proxectos culturais dentro dos países e rexións da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). As iniciativas inclúen financiamento para congresos e seminarios e un fondo para pequenos proxectos de escolas, entre outras accións.

    04 de febreiro de 2026

    Sete clubs deportivos de Hernani asinaron un convenio para deseñaren e aplicaren, durante catro anos, plans que convertan as entidades en espazos onde o éuscaro sexa a lingua principal. O Concello comprométese a apoiar o proceso con recursos e asesoramento externo, ao entender que os clubs non dispoñen de medios dabondo para o afrontaren en solitario. A medida insírese no marco do Plan de Éuscaro 2023-2027 do municipio.

    04 de febreiro de 2026

    En Petrer comeza a terceira edición do programa Voluntariat pel Valencià, unha iniciativa gratuíta de Escola Valenciana que promove a práctica oral sen clases teóricas nin exames. O proxecto pon en contacto persoas que queren gañar fluidez con voluntariado que xa domina a lingua, mediante “parellas lingüísticas”. Cada parella comprométese a se xuntar unha hora á semana durante dez semanas para conversar en valenciano en situacións cotiás, fóra da aula.

    04 de febreiro de 2026

    A cuarta edición de «Modo Galego, actívao!» reúne en Ames uns 2700 escolares e toda a rede de centros públicos para impulsaren o uso do galego no día a día mediante retos lúdicos ligados á contorna. O programa, promovido pola RAG e o Concello, combina investigación e acción para frear a perda de galegofalantes ao entrar no sistema educativo e deseñar medidas avaliables e replicables. A iniciativa implica profesorado, familias e educación non formal, e incorpora tamén ámbitos de socialización como comedores e escolas deportivas.

    04 de febreiro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou o profesor e investigador Antón Costa Rico na presentación da obra Johán Vicente Viqueira López. Un esclarecido e singular humanista galego, editada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no marco da Colección Olladas no Pasado.

    03 de febreiro de 2026

    Unha investigación recente alerta de que o goberno chinés está a aplicar políticas que restrinxen o uso da lingua mongol en educación, medios dixitais e espazos culturais na rexión autónoma da Mongolia Interior. O informe denuncia censura, peches de plataformas nesta lingua e medidas que contribúen á erosión da identidade cultural mongol.

    Fonte: Bitter Winter

    03 de febreiro de 2026

    Presentouse en Miranda do Douro un novo organismo para a promoción da lingua mirandesa (EMPLM, polas súas siglas en portugués), que estará dedicado á defensa e promoción da lingua mirandesa, cun foco especial na súa integración no sistema educativo. O obxectivo principal é reforzar o ensino do mirandés nas escolas e garantir a transmisión da lingua ás novas xeracións.

    Fonte: Jornal de Notícias

     

    03 de febreiro de 2026

    Segundo a Enquisa de Usos Lingüísticos da Poboación (2023), o catalán perdeu presenza social desde 2003 e deixou de ser maioritario en diferentes ámbitos, con retrocesos claros nas amizades, no fogar, no comercio, na banca e na atención sanitaria. O uso exclusivo do catalán baixou de forma marcada e medrou o peso doutras linguas, ao tempo que aumenta a identificación simultánea con catalán e castelán.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder