Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de xaneiro de 2026

    Òmnium Cultural, xunto con Pimec, UEI-Foment del Treball e os sindicatos UGT e CC. OO., asinou un convenio para ofrecer clases de catalán en catro empresas como parte do proxecto Vincles. O obxectivo é promover o uso do catalán no ámbito laboral, creando espazos de socialización na lingua no traballo. O proxecto, que se comezará a implementar en abril, permitirá mellorar a integración lingüística dos traballadores e fomentar a cohesión social e laboral.

    29 de xaneiro de 2026

    O Departamento de Política Lingüística concedeu subvencións a 56 proxectos para promover o uso do catalán en produtos tecnolóxicos e ferramentas dixitais. Os proxectos seleccionados inclúen áreas como a intelixencia artificial, a educación dixital, a accesibilidade, a cultura e os videoxogos e consolidan o catalán como lingua funcional en contornos tecnolóxicos avanzados.

    29 de xaneiro de 2026

    A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan un programa para fomentar a realización de proxectos de innovación educativa na dinamización lingüística. O programa está dirixido a centros públicos de educación e seleccionará cinco proxectos destacados, que recibirán unha axuda económica de 2000 euros cada un para o curso 2025/2026.

    29 de xaneiro de 2026

    As 11 comisións de expertos que durante os pasados meses estiveron traballando na actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega finalizaron o proceso participativo con máis de 400 contactos e 1400 propostas, coas que están a elaborar o documento definitivo que entregarán á Xunta de Galicia no marco do Pacto pola Lingua.

    28 de xaneiro de 2026

    A Universidade de Barcelona impulsa un proxecto pioneiro para crear vocabulario científico en lingua de signos catalá e mellorar a accesibilidade do ensino universitario. A iniciativa desenvolve signos específicos para termos especializados e publícaos en formato audiovisual nun portal terminolóxico. O traballo realízase con profesorado, intérpretes e persoas expertas en LSC, cun proceso rigoroso de validación.

    28 de xaneiro de 2026

    Edicións Positivas puxo en marcha, co apoio da Xunta de Galicia, a web O Galego do Bierzo para impulsar a visibilidade desta variedade lingüística. A plataforma funcionará como espazo de difusión de actividades e iniciativas a prol do galego na comarca. Ademais, aspira a reunir a bibliografía existente e a promover futuros traballos normativos, como un dicionario e unha gramática.

    28 de xaneiro de 2026

    A Universidade de Vigo convoca unha nova edición do distintivo «Gal Ego» para recoñecer os centros que integran de maneira continuada o galego na súa actividade académica e institucional. A iniciativa premia o compromiso coa lingua propia mediante un selo visible e unha dotación económica para accións galeguizadoras. As escolas e as facultades interesadas deberán acreditar o uso do galego na docencia, na comunicación e na vida do centro antes de finais de febreiro.

    28 de xaneiro de 2026

    A Deputación da Coruña convoca a edición 2026 do Premio José Gil para promover o cinema en lingua galega e homenaxear unha figura pioneira do audiovisual galego. O certame inclúe tres modalidades, centradas na creación de guións de ficción e documental e no recoñecemento de traxectorias ou iniciativas destacadas. A convocatoria pretende impulsar a produción e a visibilidade do cinema en galego.

    27 de xaneiro de 2026

    A pesar de que en Lituania entrou recentemente en vigor a obriga de acreditar coñecementos básicos de lituano para a atención ao público, as autoridades xa rexistraron numerosas queixas polo escaso dominio da lingua entre traballadores estranxeiros do sector servizos.

    Fonte: Baltic News Network

    27 de xaneiro de 2026

    O programa Apego inicia en 2026 a súa programación cun conxunto de actividades en febreiro orientadas a apoiar a crianza en galego desde o ámbito familiar. As propostas, gratuítas e con inscrición previa, diríxense a familias con crianzas de distintas idades e promoven a socialización na lingua propia. A música e o xogo constitúen os eixes centrais das actividades, como ferramentas para fortalecer vínculos e competencias lingüísticas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder