Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de abril de 2026

    O Carballo Interplay, na súa XIII edición, anunciou os 12 proxectos finalistas dos seus premios de creación de contido dixital en galego, que reforzan o seu apoio ao talento emerxente e ás novas formas de creación na rede. O festival destacou o crecente interese pola creación dixital en galego, especialmente entre a mocidade, e a aparición de novas propostas que demostran o dinamismo do ecosistema dixital galego.

    16 de abril de 2026

    Familias de Treviño (Burgos) exixen á Junta de Castela e León e ao Goberno central que garantan o ensino do éuscaro no municipio, tanto na educación infantil como primaria, e que se impulsen medidas para fomentar o seu uso e ensino entre persoas adultas. Reivindican o dereito de vivir, aprender e traballar en éuscaro e solicitan a eliminación de obstáculos ademais de recursos para a educación nesta lingua nas escolas do enclave.

    16 de abril de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou en Bilbao na comisión de seguimento do Protocolo de colaboración en materia de política lingüística subscrito polos gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares, unha reunión que se produce cada ano no marco da cooperación entre os departamentos desta materia das comunidades autónomas con lingua propia.

    15 de abril de 2026

    A sede da ONU en Nova York acolleu unha celebración da 17.ª edición do Día da Lingua Chinesa con actividades culturais e tecnolóxicas. O evento reuniu representantes e participantes que destacaron o papel da lingua chinesa na promoción do diálogo intercultural e no intercambio entre civilizacións.

    Fonte: CGTN

    15 de abril de 2026

    A cidade de Londres acollerá o 13 de xuño a Feira Literaria Internacional de Lingua Portuguesa, un encontro que reunirá autores, editores e profesionais do sector. A iniciativa busca promover a literatura en portugués, fomentar o diálogo cultural e reforzar a presenza da lingua no ámbito internacional.

    Fonte: Agência Incomparáveis

    15 de abril de 2026

    Ismael Ramos converteuse no primeiro autor español en gañar o Premio O. Henry, un fito que sitúa a literatura galega no escaparate internacional do relato breve. O galardón recoñece o conto «A lebre», incluído en A parte fácil e traducido do galego ao inglés por Jacob Rogers, nunha escolla na que comparte protagonismo con figuras destacadas das letras internacionais. O escritor salientou a emoción polo recoñecemento e reivindicou a forza do seu universo literario e da lingua galega como raíz fonda da súa obra.

    15 de abril de 2026

    O Instituto de Estudos Baleáricos puxo en marcha unha iniciativa para reforzar o uso do catalán no comercio en Mallorca e Menorca mediante cursos formativos e a distribución de recursos para as empresas. As accións inclúen formación adaptada á atención ao público, dirixida tanto a alumnado como a profesionais do sector, así como materiais prácticos e información sobre axudas e servizos lingüísticos.

    15 de abril de 2026

    Trinta anos despois da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos, diversas entidades impulsan a súa actualización co obxectivo de que a ONU adopte un marco máis sólido de protección da diversidade lingüística. O Ciemen e o PEN Catalán lideran esta iniciativa, que pretende incorporar novos retos como o ámbito dixital, a intelixencia artificial ou os efectos das migracións e dos conflitos.

    15 de abril de 2026

    Pontevedra acolle a gala de entrega dos premios da novena edición de Enreguéifate, un certame impulsado por varios concellos para divulgar a regueifa e estimular o uso do galego entre a mocidade. O acto reunirá no Pazo da Cultura arredor de 800 persoas, entre elas alumnado participante de centros de toda Galicia, e combinará a recollida dos galardóns con propostas musicais e intervencións vencelladas á improvisación oral.

    15 de abril de 2026

    A nova entrega de Proxector, iniciativa divulgativa en galego, céntrase nas artes plásticas cunha selección de doce vídeos que exploran distintas disciplinas e a súa relación coa ciencia. O percorrido inclúe contidos sobre figuras como José Suárez ou Maruja Mallo, así como achegas á fotografía histórica, á arte urbana e ao patrimonio artístico galego. Ademais, a proposta destaca o potencial da creación artística como ferramenta para divulgar coñecemento científico. Con esta escolma, o proxecto reforza o papel do galego na transmisión cultural e científica.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder