Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    10 de abril de 2026

    Un estudo publicado en Nature Human Behaviour revela que máis de 1.700 linguas presentan normas gramaticais comúns, especialmente na orde das palabras e nas estruturas das oracións. Os investigadores conclúen que as linguas non evolucionan ao chou, senón seguindo patróns previsibles condicionados por factores cognitivos e comunicativos compartidos.

    Fonte: Diari de la Llengua

    10 de abril de 2026

    Investigadores dos Emiratos Árabes Unidos crearon unha aplicación baseada en intelixencia artificial que permite traducir en tempo real entre lingua de signos e texto ou fala. A ferramenta facilita a comunicación entre persoas con discapacidade auditiva de distintos países e busca mellorar a inclusión en ámbitos como a educación e o traballo.

    Fonte: TV Brics

    10 de abril de 2026

    O Goberno de Andorra puxo en marcha unha campaña para fomentar o uso do catalán en bares, cafetarías e tendas de alimentación mediante materiais con vocabulario específico. A iniciativa pretende reforzar a presenza da lingua propia no ámbito comercial e promover o seu valor cultural e identitario.

    Fonte: Diari de la Llengua

    10 de abril de 2026

    O Consello Xeral do Poder Xudicial e a Generalitat de Cataluña formalizaron dous convenios para reforzar a formación da carreira xudicial, entre a que se inclúe por vez primeira a aprendizaxe e o perfeccionamento do catalán nos plans de formación continua. A oferta contemplará dous cursos, de nivel inicial e intermedio, abertos a xuízas, xuíces e alumnado da Escola Xudicial con independencia do seu destino.

    10 de abril de 2026

    Estudantes das ikastolas de Iparralde trasladaron á Asemblea Nacional francesa a súa demanda de poder realizar o exame do baxoa (bacharelato) en éuscaro, denunciando a obrigatoriedade de facelo en francés como unha inxustiza. A iniciativa, compartida con alumnado bretón, busca avanzar no recoñecemento das linguas propias no sistema educativo.

    Fonte: Arain

    10 de abril de 2026

    Alfonso Blanco Quintela presenta o 11 de abril na Casa da Cultura do Viso o libro Toponimia de Carnota, unha obra editada pola Real Academia Galega na que analiza a orixe e o significado dos nomes de lugar do municipio. O volume afonda na toponimia maior de Carnota e incorpora tamén unha selección de nomes da microtoponimia local.

    Fonte: Real Academia Galega

    10 de abril de 2026

    Santiago acollerá o 30 de abril a primeira edición do Cruceiro Fest, un novo evento centrado na música urbana en galego que reunirá en Salgueiriños dez propostas artísticas e nove horas de concertos. Impulsado pola Comisión de Festas do Cruceiro da Coruña 2026, o festival preséntase como unha nova plataforma para visibilizar a creación musical en galego. Xunto co Galegote de Pontevedra, será ademais un dos poucos festivais de Galicia concibidos expresamente arredor da música nesta lingua.

    10 de abril de 2026

    O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar axudas destinadas a impulsar o uso do catalán no ámbito tecnolóxico e dixital, dirixidas a empresas e entidades sen ánimo de lucro con proxectos neste eido. As subvencións, que poderán cubrir até o 70 % do custo cun máximo de 60 000 euros, distinguirán entre iniciativas para integrar a lingua en produtos tecnolóxicos e as orientadas ao desenvolvemento de ferramentas dixitais e tecnoloxías lingüísticas.

    09 de abril de 2026

    A incorporación de corenta pezas audiovisuais en aragonés á plataforma MyCulture+ supón un novo avance para a visibilidade e o recoñecemento social desta lingua minorizada, cuxa continuidade depende en boa medida do compromiso da propia comunidade falante. A iniciativa permitirá dotar o aragonés dun espazo propio nun servizo internacional especializado en contidos en linguas non hexemónicas.

    09 de abril de 2026

    A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convocou as subvencións de 2026 para que concellos e agrupacións de concellos de máis de 3000 habitantes impulsen a promoción do galego no ámbito local. As axudas destínanse tanto á creación, consolidación ou reforzo dos servizos de normalización lingüística como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua. Con esta convocatoria, a Xunta procura apoiar as administracións locais no fortalecemento das políticas de impulso do galego e na extensión do seu uso social.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder