Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de abril de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou a “implicación da comunidade escolar e familias en iniciativas que fomenta o maior emprego do galego nos espazos de socialización dos centros educativos”. Fíxoo na presentación do festival de clausura da cuarta edición do programa de dinamización lingüística «Modo Galego, Actívao!», que terá lugar o vindeiro 17 de abril na explanada pavillón municipal de Bertamiráns, no concello coruñés de Ames, e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

    07 de abril de 2026

    O Girona FC e a Plataforma per la Llengua asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso e a normalización do catalán, especialmente no ámbito deportivo. O club reafirma así unha política lingüística xa consolidada, na que o catalán ocupa un lugar central tanto na comunicación interna como nas relacións públicas, incluídas redes sociais e eventos. Ambas as partes subliñan o valor do deporte e do lecer como espazos clave para reforzar o uso social da lingua e confían en que esta alianza sirva de referente para outras entidades.

    07 de abril de 2026

    O proxecto Frec abre unha nova vía para integrar o catalán no ámbito da intelixencia artificial ao ofrecer unha plataforma aberta que permite conectar servizos dixitais con modelos lingüísticos sen depender de provedores externos. A ferramenta, presentada en Barcelona e xa probada en contornos reais, posibilita executar accións como facer reservas, enviar mensaxes ou consultar bases de datos en lingua propia e cunha arquitectura interoperable.

    07 de abril de 2026

    Boadicea Editora publicará a próxima semana a primeira tradución ao galego dunha novela de Stephen King, Salem’s Lot, un clásico do terror contemporáneo co que abre unha nova vía no sistema literario galego. A editorial manterá, ademais, o título orixinal da obra, ao considerar que remite de maneira directa ao espazo no que transcorre a historia.

    07 de abril de 2026

    Un novo programa piloto en Kerry, Irlanda, ofrece apoio ás familias que educan os seus fillos en irlandés, mediante asesoramento profesional e recursos específicos. A iniciativa pretende reforzar a presenza do idioma no fogar e contribuír á súa continuidade entre xeracións.

    Fonte: Radio Kerry

    07 de abril de 2026

    A Deputación de Pontevedra convocou a segunda edición do Premio Castelao de Textos Teatrais, dotado con 12 000 euros e coa publicación da obra gañadora, nunha nova aposta por estimular a creación dramática en galego e recoñecer o talento literario da provincia. O prazo para presentar orixinais permanecerá aberto até o 15 de setembro e poderán concorrer persoas maiores de idade con textos inéditos, non premiados nin representados con anterioridade.

    07 de abril de 2026

    O Goberno mexicano puxo en marcha unha estratexia para preservar a diversidade lingüística mediante accións directas nas comunidades indíxenas. O plan contempla a creación de Casas de Lingua Indíxena en máis de 20 estados e abrangue máis de 60 linguas e numerosas variantes, con especial atención ás que están en risco de desaparición. A iniciativa busca reforzar o uso, transmisión e recoñecemento destas linguas como parte esencial da identidade cultural do país.

    06 de abril de 2026

    Estudantes de dereito de orixe albanesa saíron ás rúas de Skopje, capital de Macedonia do Norte, para reclamar poder examinarse na súa lingua. Aseguran que, malia existir recoñecemento legal, na práctica non se garante este dereito, o que consideran unha forma de discriminación.

    Fonte: Euronews

    06 de abril de 2026

    O número de estudantes estranxeiros que precisan apoio para aprender xaponés incrementouse notablemente nas últimas dúas décadas. Este cambio obriga as escolas a se adaptaren con máis recursos lingüísticos e medidas de integración para garantir a igualdade de oportunidades no ensino.

    Fonte: Japan Wire

    06 de abril de 2026

    Gálix conmemorou o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil cun manifesto a prol da lectura en galego na infancia e na mocidade e coa presentación dunha nova páxina web, coa que aspira a reforzar a visibilidade da literatura infantil e xuvenil galega. A entidade reivindica, ademais, que o 2 de abril sexa recoñecido en Galicia como Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego, ao considerar este ámbito esencial para a formación cultural, emocional e lingüística das crianzas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder