O Goberno español aprobou un sistema oficial de acreditación da lingua de signos española co que se certificará, en todo o Estado, o grao de competencia e dominio desta lingua. O novo modelo, estruturado en seis niveis (de A1 a C2), dará validez oficial a unha ferramenta da que até agora non existía equivalente estatal, ao tempo que supón un avance no recoñecemento dos dereitos das persoas xordas e xordocegas. Ademais, os diplomas poderán empregarse para acceder ao emprego público ou como mérito profesional, académico e persoal.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O TSXC ordenou executar de maneira provisional a sentenza que anulaba parte do decreto da Generalitat de 2024 destinado a reforzar o catalán como lingua vehicular na escola, aínda que o Constitucional aínda debe pronunciarse sobre a adecuación da norma á Carta Magna. Educación sostén que a decisión non terá efectos prácticos inmediatos nos centros, mais o paso xudicial reabre o pulso institucional arredor do modelo lingüístico.
O Concello de Donostia editou un dicionario castelán-éuscaro pensado para persoas que traballan no ámbito dos coidados, coa finalidade de facilitar a comunicación cotiá con quen ten o éuscaro como lingua habitual. A publicación, de pequeno formato e carácter práctico, reúne vocabulario e expresións básicas vinculadas á atención diaria e distribuirase entre profesionais, entidades municipais e asociacións. Con esta iniciativa, o Concello busca reforzar a presenza da lingua no sector dos coidados e favorecer unha atención máis próxima e humana.
A Asociación de Medios en Galego (Amega) celebrou en Santiago un obradoiro sobre o Fediverso co propósito de explorar vías para unha comunicación dixital máis saudable, descentralizada e respectuosa co galego. A formación, impartida por Joxe Rojas, permitiu a profesionais dos medios achegarse a ferramentas como Mastodon e avanzar na creación de espazos propios na rede. A xornada, na que tamén participou o administrador de Mastodon.gal, insírese nun proxecto máis amplo orientado a fortalecer os medios en galego e a súa adaptación ao novo ecosistema dixital.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou o novo Nomenclátor de Galicia 2026, que “supón a modificación de 2530 denominacións de concellos, parroquias e lugares”. Deste xeito, ratifícase a proposta presentada no mes de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, o órgano asesor composto polo Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago de Compostela.
A Facultade de Filoloxía da USC convocou a duodécima edición do Concurso Literario Mazarelos, unha iniciativa coa que procura estimular a creatividade da mocidade universitaria, afianzar a expresión en galego e favorecer a aparición de novas voces literarias. O certame diríxese ao estudantado e tamén a persoal investigador vinculado á universidade, que poderá presentar ata o 11 de setembro obras inéditas en galego de calquera xénero e temática.
Iniciativa pol Asturianu pediu á Autoridade Portuaria de Xixón que incorpore o asturiano na nova sinalización do porto do Musel e tamén na futura renovación da súa web e das comunicacións institucionais. A entidade considera que esta actuación sería un paso relevante para reforzar a visibilidade social da lingua nun espazo público de gran proxección, en liña co que xa acontece noutros portos con idioma propio.
O Tribunal Constitucional anulou o decreto lei co que o Goberno balear pretendía eliminar a esixencia de coñecer o catalán na sanidade, ao estimar o recurso promovido pola Obra Cultural Balear. A entidade considera que a norma vulnera o principio de igualdade, a non discriminación por razón de lingua e o dereito da cidadanía a relacionarse en catalán coa administración sanitaria en condicións de normalidade.
O Galegote regresará a Pontevedra os días 24 e 25 de abril cunha nova edición que reivindica o bo momento da música en galego a través dun cartel diverso e interxeracional. O festival combinará artistas consolidados e propostas emerxentes en concertos repartidos por prazas e locais da cidade, nun formato de proximidade co público.
A lingua galesa está a experimentar un novo impulso debido ao crecente número de persoas adultas que deciden aprendela, superando xa as 20 000. Este aumento, do 12 % nun ano, está especialmente impulsado por xente nova e por programas vinculados ao ámbito laboral. Ademais de mellorar as competencias lingüísticas, a aprendizaxe do galés está ligada ao reforzo da identidade cultural e ao sentimento de comunidade.
Fonte: The Guardian
Boletín
Subscríbase ao boletín



