Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    30 de marzo de 2026

    O Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo lanzou unha plataforma dixital gratuíta que reúne materiais producidos ao longo das súas dúas décadas de actividade. O novo arquivo inclúe exposicións, documentos, vídeos e publicacións, permitindo ao público acceder a contidos sobre a historia e diversidade da lingua portuguesa. A iniciativa busca ampliar o acceso ao coñecemento, facilitar o uso educativo dos recursos e achegar o museo a persoas que non poden visitalo presencialmente.

    27 de marzo de 2026

    A Universidade Nelson Mandela presentou a súa nova política lingüística no marco dun encontro sobre multilingüismo celebrado en marzo de 2026. A iniciativa busca promover o uso de múltiples linguas, especialmente as africanas, no ámbito académico e institucional, reforzando a inclusión e a diversidade lingüística. Ademais, a política aposta por integrar as linguas locais no ensino, na investigación e nos espazos dixitais como parte do desenvolvemento educativo e social.

    27 de marzo de 2026

    A Universidade de Perpiñán decidiu suprimir a partir do curso 2026-2027 o mestrado de Estudos Cataláns e Transfronteirizos, o único programa universitario en catalán no sistema francés. A medida xerou preocupación entre entidades en defensa da lingua, que alertan de que pode debilitar a formación superior en catalán e dificultar a preparación de futuros docentes e especialistas na Cataluña Norte.

    Fonte: Diari de la Lengua

    27 de marzo de 2026

    Gambia planea integrar sete linguas nacionais no currículo das primeiras etapas educativas como parte dunha nova política lingüística. O obxectivo é mellorar a comprensión e o rendemento do alumnado mediante o uso das linguas maternas nos primeiros cursos, promovendo un sistema educativo máis inclusivo e adaptado á diversidade lingüística do país.

    Fonte: APA News

    27 de marzo de 2026

    A Universidade de Yale, nos EUA, incluirá o catalán no seu programa oficial a partir do próximo curso, ampliando así a súa oferta de linguas. Os estudantes poderán cursar esta lingua dentro do departamento de español e portugués, nunha iniciativa que reforza a presenza do catalán no ámbito universitario internacional e contribúe á súa proxección global.

    Fonte: Diari de la Llengua

    27 de marzo de 2026

    O Concello de Poio, xunto coa SCD Raxó e coa colaboración do Consello Municipal de Cultura, convocará unha nova edición do Concurso Literario Xaime Illa Couto para recoñecer os mellores traballos de relato curto ou conto e poesía en lingua galega. O certame establece seis categorías por idades, con premios que van dos 90 aos 400 euros.

    Fonte: Pontevedra Viva

    27 de marzo de 2026

    O Concello do Barco de Valdeorras porá en marcha na Semana Santa un campamento piloto de inmersión en galego dirixido a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, co obxectivo de reforzar o contacto coa lingua propia nun contexto de perda de falantes entre a xente máis nova. A iniciativa, que se desenvolverá durante tres mañás na biblioteca municipal, combinará actividades lúdicas arredor do territorio e das tradicións galegas.

    27 de marzo de 2026

    O Muséu del Pueblu d’Asturies acolle a exposición «Cartelos n’asturianu (1976-2000)», unha mostra que reúne materiais gráficos vencellados á promoción da lingua e da cultura asturianas procedentes da colección doada pola Fundación Belenos. A selección permite percorrer, a través dos carteis máis antigos, a evolución da comunicación visual en asturiano e o papel que desempeñou na reivindicación lingüística desde a Transición.

    27 de marzo de 2026

    Os concellos de Errenteria, Lezo, Oiartzun e Pasaia animan a veciñanza a facer en éuscaro a declaración da renda de 2025 e, en xeral, a relacionarse coa facenda foral nesta lingua. A iniciativa pon o acento no avance progresivo do uso do éuscaro na administración e lembra que escoller esta opción resulta doado tanto por internet como de maneira presencial. Ademais, a campaña incluirá un sorteo en cada municipio, cun xantar para dúas persoas entre quen presente a declaración en éuscaro.

    26 de marzo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou no roteiro «A Compostela de Begoña Caamaño», que percorreu os principais espazos composteláns frecuentados pola autora homenaxeada polas Letras Galegas 2026 da man da historiadora Encarna Otero.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder