O estudo conclúe que só algo máis dunha cuarta parte das materias da UIB se imparten integramente en catalán, malia que a planificación inicial prevía unha presenza maior. O informe advirte, ademais, de que a situación resulta especialmente grave en Ciencias da Saúde, onde a oferta nesta lingua nin sequera chega ao 10 %. As entidades promotoras do informe denuncian unha marxinación estrutural da lingua propia no ámbito universitario e reclaman actuacións urxentes que garantan o dereito do alumnado a recibir formación completa en catalán.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Os ciclos temáticos de literatura en lingua galega teñen como obxectivo difundir a literatura galega e internacional editada en galego. Esta campaña de promoción da lectura comeza cun ciclo dedicado aos Estados Unidos, en Redondela, e outro dedicado aos dereitos da muller, en Chapela, pero irá mudando as súas temáticas trimestralmente.
O número de persoas que aprenden galés superou por primeira vez as 20 000, tras medrar un 12 % nun ano segundo o Centro Nacional para a Aprendizaxe do Galés. Case o 40 % do alumnado estuda a lingua nos seus postos de traballo, mentres tamén aumenta entre a mocidade e entre persoas de contextos moi diversos. Este crecemento reflicte un maior interese pola lingua e un cambio positivo nas actitudes cara á súa aprendizaxe.
Fonte: BBC
O Concello de Sagunto abriu a convocatoria anual de axudas para impulsar a normalización do valenciano, destinada a empresas e asociacións que promovan esta lingua. As entidades poderán presentar ata dous proxectos antes do 6 de maio, cun orzamento mínimo de 300 euros. As propostas deberán desenvolverse integramente en valenciano e poderán abranguer desde rotulación, publicidade e materiais impresos ata accións formativas, informativas ou de sensibilización.
O Goberno balear promove, a través do IEB e en colaboración co Casal de Asociacións de Inmigrantes e ONGD, novos cursos iniciais de catalán para persoas acabadas de chegar, cunha elevada demanda que xa deixa medio cento de solicitudes en espera. A iniciativa, que dá continuidade á formación posta en marcha para familias, consolídase como unha vía de acceso á lingua e como ferramenta de integración social e laboral. O programa complétase cun material didáctico propio, pensado para facilitar unha aprendizaxe gradual e adaptada ás necesidades deste colectivo.
A Universidade de Vigo impulsa, co apoio da Deputación de Pontevedra, a terceira edición de «A lingua galega no cinema», un ciclo gratuíto que, entre o 23 de marzo e o 29 de abril, reunirá en Vigo unha decena de obras audiovisuais en galego. Ademais de pór en valor o idioma propio no ámbito cultural e cinematográfico, a programación combinará documentais, longametraxes, animación e curtas, sempre con coloquios posteriores coas persoas creadoras.
Nove autores de lingua portuguesa foron distinguidos co Premio Literario Guerra Junqueiro de Lusofonía 2025, un recoñecemento que destaca a calidade e diversidade da produción literaria no espazo lusófono. O galardón pon en valor a creación en portugués e reforza os lazos culturais entre países que comparten esta lingua.
Fonte: Sapo
A Xunta de Galicia percorrerá 18 concellos galegos cun programa específico para escolares enfocado na celebración das Letras Galegas. Así o deu a coñecer o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen precisou que esta proposta, impulsada ao abeiro do programa FalaRedes, centrarase na figura da autora homenaxeada na edición de este ano.
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentou hoxe a nova produción do Centro Dramático Galego, Hamlet, dirixida por Tito Asorey e con dramaturxia de Vanesa Sotelo e do propio Asorey a partir da obra mestra de William Shakespeare. A través dun espectáculo de gran formato con 16 intérpretes en escena, a compañía teatral da Xunta de Galicia trae ao presente e ao galego este clásico universal. A estrea será mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde permanecerá en cartel ata o 3 de maio con funcións de mércores a domingo ás 18,00 h.
A Generalitat Valenciana licitou un contrato de 245.000 euros para realizar unha enquisa sobre o coñecemento e uso do valenciano e doutras linguas, con máis de 8000 entrevistas en toda a comunidade. O estudo, incluído no Plan Valenciano de Estatística, permitirá obter datos actualizados sobre a situación sociolingüística e elaborar informes específicos para o conxunto do territorio e para a cidade de Valencia.
Boletín
Subscríbase ao boletín



