O II Encontro Luso-Galaico de Procesamento da Linguaxe Natural, liderado polo Proxecto Nós e promovido no marco do proxecto ALIA, reuniu en Santiago especialistas en investigación e empresa para impulsar o desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas baseadas en IA para o galego e o portugués. A iniciativa reforza a cooperación entre Galicia e Portugal e busca posicionar esta área como un polo estratéxico na intelixencia artificial aplicada ás linguas.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Deputación de Valencia convocou axudas por valor de 104.000 euros para que concellos e entidades locais organicen cursos de valenciano dirixidos á cidadanía. A iniciativa, integrada no plan «La llengua del nostre poble», busca fomentar o coñecemento e o uso social da lingua no ámbito municipal e facilitar o acceso á aprendizaxe en todo o territorio.
Fonte: Valencia News
O Correlingua 2026 arrancará o 5 de maio en Santiago de Compostela e percorrerá distintas localidades galegas como unha das principais iniciativas de promoción e normalización do galego entre a mocidade. Baixo o lema «Co galego no corazón, facemos revolución», a actividade reunirá arredor de 20.000 participantes e incluirá carreiras, lectura de manifestos e accións educativas para fomentar o uso e a conciencia lingüística entre a xente nova.
Estonia permitirá que as universidades impartan programas de mestrado en estoniano máis curtos, de só un ano, dirixidos principalmente a profesionais con experiencia ou estudos previos. A medida busca ofrecer opcións formativas máis flexibles e adaptadas ás necesidades do mercado laboral, sen reducir a calidade académica.
Fonte: ERR
A Asociación polo Ensino do Catalán (APLEC, polas súas siglas en francés) puxo en marcha unha campaña informativa dirixida ás familias e ao alumnado para promover a elección do catalán nos liceos da Cataluña Norte. A iniciativa inclúe a difusión de materiais e información sobre o dereito a estudar esta lingua, nun contexto no que a súa presenza no ensino secundario é moi limitada.
Fonte: Diari de la Llengua
A Secretaría Xeral da Lingua, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, convocou as probas para a obtención dos certificados de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4 no ano 2026. A convocatoria permitirá acreditar oficialmente o nivel de coñecemento do galego.
Fonte: Xuventude
A Viquipèdia en catalán fai 25 anos, polo que se sitúa como unha das primeiras edicións da enciclopedia e a primeira en lingua non inglesa. Na actualidade destaca pola súa alta calidade (cuarta a nivel mundial), con máis de 790 000 artigos, e polo seu papel na normalización e presenza do catalán no ámbito dixital, aínda que o seu uso segue sendo minoritario en comparación con outras versións.
Fonte: Diari de la Llengua
O Cupra Born convértese no primeiro coche europeo en incorporar o galego, ademais do catalán e o éuscaro como linguas dispoñibles no seu sistema de infoentretemento. Esta integración permite que funcións como o GPS, a asistencia á condución ou a información do vehículo se mostren nestas linguas, reforzando a súa presenza no ámbito tecnolóxico e dixital.
Fonte: El Periódico
A Deputación Foral de Áraba e Euskaltzaindia presentaron o estudo Toponimia histórica e contacto vasco-románico, que analiza arredor de 600 topónimos en zonas de contacto entre éuscaro e castelán. A investigación revela a presenza continuada do éuscaro ata polo menos o século XV e destaca o valor da toponimia para reconstruír a evolución e convivencia das linguas na rexión.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na entrega dos galardóns da quinta edición dos Premios Otero Pedrayo para estudantes de Secundaria e Bacharelato e que distinguiu os institutos Ribeira do Louro, do municipio pontevedrés do Porriño, e o Castelao, de Vigo. Así mesmo, recoñeceu o valor dun traballo dun alumno centro Xulián Magariños, do concello coruñés de Negreira, e que será publicado na revista Trasalba.
Boletín
Subscríbase ao boletín



