Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de decembro de 2025

    A décima edición do certame de subtitulación ao galego de vídeos TED de divulgación científica deu a coñecer os nomes das persoas gañadoras que recibirán 300 euros e un diploma honorífico. O certame busca promover o uso do galego na divulgación científica e aumentar os recursos audiovisuais nesta lingua.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    19 de decembro de 2025

    A campaña «Galego a pé de barrio», impulsada polo alumnado de 1º de Bacharelato, busca promover o uso do galego no comercio local do barrio de Fontiñas. Este proxecto xorde tras a reflexión sobre os baixos índices de uso do galego no instituto, observados a través dunha enquisa interna, e busca cambiar os hábitos lingüísticos no contorno máis próximo.

    19 de decembro de 2025

    O Goberno aprobou unha axuda de 2 millóns de euros para financiar o Observatorio da Calidade Lingüística do Instituto de Estudos Cataláns, en cumprimento do Pacto Nacional pola Lingua. Este proxecto, que se centrará na calidade do catalán en diferentes ámbitos (administración, xustiza, educación, saúde etc.) durante o período 2025-2028, xerará datos para establecer accións políticas orientadas á mellora da lingua.

    18 de decembro de 2025

    Recuncho Gamer presentou Xogalego, un catálogo para facilitar os videoxogos en galego e para darlle visibilidade ao traballo de estudos e creadoras e creadores que os desenvolven, ante as eivas das grandes plataformas para localizalos. A ferramenta arrinca con noventa títulos e prevé medrar axiña ata arredor de 200, co apoio da Deputación da Coruña. Cada entrada inclúe datos como autoría, ano, plataformas, xénero, idades recomendadas, linguas dispoñibles e ligazóns oficiais. O proxecto completarase con accións divulgativas en liña e nos centros educativos.

    18 de decembro de 2025

    Esta selección de arancel como palabra do ano 2025 débese á disputa e a negociación comercial entre estados, con especial protagonismo dos Estados Unidos, que popularizaron un termo que ata hai pouco pertencía case en exclusiva á economía e ao dereito e que agora forma parte da conversa cotiá. Así mesmo, aclarou que nomea a contía que se lle cobra á importación de certos bens e lembrou a súa presenza histórica nos dicionarios.

    18 de decembro de 2025

    O Concello de Legazpi aprobou o Plan AROA (2026–2036), unha folla de ruta a dez anos para aumentar o uso do éuscaro, fortalecer o poder de acción da veciñanza e garantir unha convivencia lingüística xusta e inclusiva, froito dun proceso participativo con diagnóstico rigoroso e colaboración entre responsables municipais, tecido social e cidadanía.

    18 de decembro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou a decisión do Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, de declarar o 2026 Ano Oteriano, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento desta “figura esencial das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”, así como tamén o centenario da publicación de Guía de Galicia, unha das súas grandes obras.

    17 de decembro de 2025

    A Universidade Pompeu Fabra rexistrou un forte aumento na aprendizaxe de catalán, cun incremento global do 56 % nas matrículas durante o primeiro trimestre do curso. Destaca especialmente o curso en liña para persoas principiantes, que multiplicou a súa demanda e permite iniciar o estudo da lingua antes de chegar a Cataluña. Tamén medraron con forza os programas presenciais de acollida lingüística e os cursos dirixidos a persoal docente e investigador.

    17 de decembro de 2025

    O sector editorial de Islandia vive un ano excepcional, xa que en 2025 se publicou o maior número de novelas da súa historia recente. O incremento reflicte a boa saúde da creación literaria no país e o mantemento dun forte interese pola narrativa local, malia o tamaño reducido do mercado editorial islandés.

    Fonte: RÚV

    17 de decembro de 2025

    A compañía aérea Swiss analiza a posibilidade de suprimir a esixencia de coñecer alemán para pilotos e tripulantes de cabina, mantendo o inglés como lingua obrigatoria. A medida responde á escaseza de persoal e busca ampliar o número de candidaturas nos diferentes postos. 

    Fonte: Aviation Direct

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder