A Real Academia Española presentou a actualización dixital 23.8.1 do Diccionario de la lengua española, un adianto do labor académico previo á edición impresa prevista para 2026. A nova versión incorpora termos e significados recentes, con presenza destacada de vocabulario científico, tecnolóxico e médico, así como usos coloquiais e expresións complexas. Tamén se amplían definicións xa existentes e intégranse voces procedentes do ámbito dixital.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O VII Premio Daniel Domínguez de Guión en Galego recoñece este ano Monstros, de Benigno López Moure, unha obra destacada polo uso preciso dos códigos do thriller e pola profundidade ética e psicolóxica da súa proposta. A Asociación Galega de Guionistas reafirma con este galardón o seu compromiso de fortalecer a creación en galego e garantir máis presenza desta lingua no sector audiovisual.
Fonte: Culturagalega
Bruxas e Dragóns: Baba Iagá, primeiro libroxogo en galego, creado por Ledicia Costas e Luismi Pérez, chegou ás librarías con grande acollida e esgotou axiña a súa estrea editorial. O libro propón unha lectura participativa baseada na elección de camiños narrativos que levan a múltiples desenlaces. Pensado para públicos diversos, combina literatura e xogo como porta de acceso á lectura creativa. O título abre unha triloxía que xa se atopa en desenvolvemento.
Un informe do Consello de Europa salienta que Finlandia avanzou na protección dalgunhas das súas linguas minoritarias recoñecidas, pero moitas das recomendacións clave, como a formación de docentes, os mellores servizos sociais en linguas minoritarias e o mantemento do financiamento, aínda non se implementaron e precisan acción.
Fonte: Council of Europe
O ensino inmersivo en linguas rexionais no sistema educativo da Cataluña Norte é moi limitado e está moi por baixo doutras rexións en Francia, a pesar do apoio social existente. A falta de aplicación efectiva das políticas públicas impide avanzar no ensino do catalán nesta zona do país galo.
Fonte: Diari de la Llengua
O Concello de Barberà del Vallès reforza o seu compromiso coa lingua catalá coa campaña «A Barberà, parlem-nos en català», destinada a promover o seu uso cotián en todos os espazos de convivencia do municipio. A iniciativa fai visible a centralidade do catalán nos servizos públicos e na atención á veciñanza. Desde o consistorio destácase o valor da lingua como eixo de identidade local e ferramenta de cohesión social nun contexto de diversidade.
O proxecto «Papés d’emprenta condenada» culmina cun arquivo dixital que dá nova vida a un amplo corpus de textos galegos do Prerrexurdimento e permite continuar ampliándoo con novos materiais. A iniciativa, froito dun longo labor colectivo, documenta a intensa actividade escrita en galego entre finais do século XVIII e mediados do XIX e revela as preocupacións políticas, sociais e relixiosas da época. A dixitalización incorpora ferramentas de busca e análise que facilitan unha nova lectura dos documentos.
A Deputación Foral de Áraba puxo en marcha unha rolda de xornadas comarcais para presentarlle á cidadanía o seu Plan estratéxico do éuscaro, co que pretende fixar as liñas de actuación para reforzar o uso social da lingua nos vindeiros anos. As sesións, abertas á participación veciñal, buscan explicar os obxectivos do plan, recoller achegas e fortalecer a cooperación institucional e local.
A Deputación da Coruña puxo en marcha a novena edición do Premio Quero Cantar, orientado a promover o uso do galego e a creación musical e poética entre a infancia e a mocidade. O certame diríxese a solistas e grupos de ata 16 anos que presenten cancións orixinais e inéditas nesta lingua, en categorías infantil e xuvenil. As persoas premiadas accederán á gravación profesional dunha maqueta e recibirán material musical e produtos culturais en galego.
O Goberno do Canadá e o territorio federado de Yukón asinaron un acordo bilateral para reforzar o ensino do francés e garantir unha educación de calidade na segunda lingua oficial desde o preescolar até niveis educativos superiores.
Fonte: Correio da Manhã
Boletín
Subscríbase ao boletín

