Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de febreiro de 2026

    Máis de 30.000 estudantes cursan este ano asturiano e eonaviego en Asturias, o que supón un incremento do 34 % tras a súa incorporación á etapa de infantil. Na xornada do Día Internacional da Lingua Materna púxose en valor o compromiso do alumnado coa conservación da lingua propia e destacouse que aprender asturiano constitúe ao tempo unha expresión identitaria e unha oportunidade de futuro, capaz de reforzar o vínculo coa comunidade e ampliar horizontes culturais.

    27 de febreiro de 2026

    Na provincia neerlandesa de Frisia, a cámara provincial acordou por unanimidade que a lingua frisoa sexa obrigatoria nas escolas primarias e no ensino medio a partir do 1 de agosto. O obxectivo é asegurar que todo o estudantado aprenda e use activamente o frisón, reforzando a súa identidade cultural e lingüística nun contexto de preocupación pola súa reducida utilización fóra do ámbito familiar.

    Fonte: NL Times

    27 de febreiro de 2026

    A cidade italiana de Gorizia crea unha mesa permanente para a protección da lingua friulana, o primeiro do seu tipo na rexión. Este organismo, acordado por resolución municipal, reunirá representantes do goberno local e asociacións da comunidade friulana para debater e promover a presenza social, cultural e lingüística do friulano na vida cotiá da cidade, reforzando o recoñecemento e apoio a esta lingua minoritaria. 

    Fonte: Telefriuli

    26 de febreiro de 2026

    A Xunta de Galicia consensuará coas principais institucións culturais galegas “o deseño conxunto dunha programación excelsa do Ano Oteriano, á altura da relevancia da figura homenaxeada”. Así o aseverou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, antes do encontro mantido con representantes destas entidades na Cidade da Cultura, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

    26 de febreiro de 2026

    A asesora lingüística e tradutora Rosa Moledo é a persoa galardoada este ano co Premio de Honra Fernando Rey dos XXIV Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego pola súa achega fundamental á calidade das producións de cine, televisión e plataformas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    26 de febreiro de 2026

    A Universidade da Coruña (UDC) ten o galego como lingua de uso preferente na administración, conforme aos seus estatutos. Segundo o responsable do Servizo de Normalización Lingüística, o galego é habitual na comunicación institucional e nas redes sociais, especialmente no ámbito administrativo. No ámbito da docencia, os datos indican que só un 10 % do profesorado utiliza o galego de maneira habitual, e o proceso de internacionalización e a presenza do inglés afectan á situación desta lingua na UDC.

    26 de febreiro de 2026

    O proxecto «Palabra no tempo» busca recuperar e preservar o léxico tradicional do municipio de Folgoso do Courel. A iniciativa, na que participa o colexio público Poeta Uxío Novoneyra, facilita a colaboración cidadá para recompilar voces e expresións que corren o risco de desaparecer. As persoas poden colaborar mediante cuestionarios en formato dixital ou físico, e a idea é que o alumnado aprenda e manteña vivas estas palabras.

    26 de febreiro de 2026

    Máis da metade das pequenas e medianas empresas de Cataluña consideran que o coñecemento do catalán é un requisito na contratación, unha cifra que aumenta seis puntos respecto ao ano anterior. A pesar de que o uso desta lingua é amplo entre as empresas, especialmente no sector servizos, tamén se observa un retroceso no seu emprego, especialmente ao adaptarse ás preferencias lingüísticas da clientela. A presencia do catalán nas pemes é especialmente forte na comunicación escrita e nas páxinas web, aínda que a súa utilización diminúe desde 2012.

    26 de febreiro de 2026

    O presidente do Principado presentou a Estratexia de Normalización do Asturiano e do Eonaviego 2026-2030, un plan elaborado tras unha exhaustiva análise sociolingüística e cultural. A estratexia establece obxectivos e directrices para promover o uso das linguas propias e garantir os dereitos lingüísticos e culturais da cidadanía. Divídese en cinco grandes áreas: a Administración, a transmisión interxeracional, a cultura e o deporte, a economía e a sociedade, e a proxección internacional.

    25 de febreiro de 2026

    A cantante sueca Katarina Barruk está a levar o saami de Ume, unha das linguas indíxenas máis ameazadas de Europa, con menos de trinta falantes, aos escenarios internacionais. A artista emprega exclusivamente esta lingua nas súas composicións, combinando sonoridades contemporáneas co joik tradicional saami.

    Fonte: CN Traveler

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder