Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de novembro de 2025

    O ministro de Recursos Naturais de Rusia, Alexander Kozlov, informou de que Corea do Norte introduciu o ensino da lingua rusa nas escolas. Esta medida reflicte a crecente influencia de Rusia e busca fortalecer lazos culturais entre os dous estados.

    Fonte: Kyiv Post

    28 de novembro de 2025

    Unha enquisa do Ministerio de Educación xaponés revela que preto de 294.200 persoas estudan xaponés no país, a maior cifra rexistrada até o momento. O incremento pon de manifesto a necesidade de ampliar a oferta de formación lingüística para atender a demanda crecente.

    Fonte: Japan Wire

     

    28 de novembro de 2025

    A Sección Filolóxica do IEC incorporou 117 voces novas e realizou 258 modificacións no Diccionari de la llengua catalana, nun total de 375 novidades que amplían o estándar e reforzan a representación territorial da lingua. Entre os termos engadidos figuran préstamos internacionais, vocabulario gastronómico e variantes dialectais, mentres que as actualizacións perfeccionan definicións e usos en ámbitos como a tecnoloxía, as locucións coloquiais ou a denominación de bebidas.

    28 de novembro de 2025

    A Enquisa de usos lingüísticas de 2023 confirma que Cataluña presenta realidades sociolingüísticas moi diversas, condicionadas por dinámicas demográficas propias de cada zona. A maioría dos territorios manteñen niveis de coñecemento e uso do catalán por riba da media, mentres que o ámbito metropolitano de Barcelona fica por debaixo debido á forte diversidade de procedencias. O conxunto dos datos mostra que o aumento de novos falantes non compensa o impacto das chegadas e provoca unha perda porcentual do uso do catalán.

    28 de novembro de 2025

    A investigadora Zaira González Lago reivindica a existencia dunha tradición propia de lingua de signos galega, vinculada ao histórico colexio de persoas xordas de Santiago, que durante un século conformou e transmitiu unha variedade propia hoxe pouco recoñecida pola lexislación estatal. A investigadora prepara un corpus representativo que permita describir con rigor o léxico, a sintaxe e a gramática desta modalidade, co obxectivo de preservala e aspirar a un futuro recoñecemento legal.

    28 de novembro de 2025

    Segundo as novas normas aprobadas polo Papa León XIV, a Curia Romana xa non obriga a redactar os seus actos en latín por defecto. A reforma autoriza agora o uso de linguas modernas como o italiano ou o inglés.

    Fonte: blue News

    28 de novembro de 2025

    Escolma de termos científicos II é un glosario que pretende evidenciar que o galego serve para nomear con rigor a realidade científica e tecnolóxica. Nesta edición recóllense termos procedentes da informática, da xestión pública e da bioloxía mariña, acompañados de materiais gráficos e explicacións que achegan contexto cultural e científico. O proxecto complétase con materiais como planificadores semanais e pousavasos ilustrados que van reforzar a presenza do galego na vida cotiá, especialmente en centros educativos e espazos universitarios.

    28 de novembro de 2025

    Un proxecto liderado por un profesor de lingüística da Universidade de Colorado pretende preservar a lingua arapaho, hoxe falada por menos de 100 persoas nativas en Wyoming. A través dunha ampla base de datos que recolle vocabulario e milleiros de frases, búscase garantir a transmisión deste idioma en grave perigo de extinción antes de que desaparezan os seus últimos falantes.

    Fonte: The Colorado Sun

    27 de novembro de 2025

    Na XXII Noite de Escola Valenciana, entregáronse tres recoñecementos á defensa do valenciano. O xornalista Iván Esteve foi premiado por a súa traxectoria en favor do periodismo nesta lingua. A Confederación Gonzalo Anaya recibiu o galardón polo seu traballo na protección do ensino en valenciano e a Fundación Casal Jaume I Safor-Valldigna foi recoñecida por máis de tres décadas de dinamización cultural neste idioma.

    27 de novembro de 2025

    A Enquisa de Usos Lingüísticos de 2023 mostra un forte cambio demográfico no Val d’Aran pola chegada de nova poboación, mais tamén unha notable estabilidade no coñecemento e o uso do aranés. A maioría das persoas nadas na zona manteno como lingua inicial, habitual e de identificación, e a transmisión interxeracional continúa sólida. Porén, o uso social segue limitado en ámbitos como o comercio, a sanidade e as administracións non locais.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder