O certame Xuventude Crea 2025 premiou na categoría de música os proxectos Obsesión e Lembrar, de Martín Rodríguez, natural do concello pontevedrés de Vigo; Empatía, un idioma para entendelo todo e Son de Ourense, de Abraham Santiago Reboredo, do municipio ourensán do Carballiño; e Fantasía sobre Lela e Sonata n.º 48 en mi maior de Joseph Haydn, de Alba Raña, natural tamén da cidade olívica.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación de Memorias dun neno labrego, a nova produción do Centro Dramático Galego dirixida por Cándido Pazó coa que a Xunta de Galicia homenaxeará a partir de xaneiro a Xosé Neira Vilas polo 10 aniversario do seu pasamento.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
A Universidade de Exeter, no Reino Unido, lanzou unha iniciativa a través do programa Languages For All para combater a caída no número de estudantes que escollen linguas modernas como materia de estudos nas zonas de Cornwall e Devon.
Fonte: University of Exeter
O Día Mundial da Lingua Árabe 2025 pon o foco na importancia da innovación e da inclusión para construír un futuro máis dinámico para o árabe, baixo o lema “Camiños innovadores para o árabe: políticas e prácticas para un futuro lingüístico máis inclusivo”. O evento, organizado pola UNESCO o 18 de decembro de 2025, destaca o papel da educación, a tecnoloxía e os medios de comunicación.
Fonte: United Nations
A celebración do Día Internacional do Éuscaro chega cunha ampla programación cultural e reivindicativa, nun contexto de preocupación polo retroceso do uso social da lingua e polas decisións xudiciais que a condicionan. Diversos colectivos convocan mobilizacións para reclamar políticas lingüísticas máis firmes, mentres as institucións difunden declaracións conxuntas que apelan a reforzar a transmisión e o uso do éuscaro. A xornada inclúe actos locais, iniciativas internacionais promovidas polo Instituto Etxepare e unha ampla oferta cultural.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren a votación popular para escoller a Palabra do Ano 2025 entre seis termos finalistas: desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio. As propostas, vinculadas a asuntos que marcaron a actualidade recente, combinan preocupación social (como a vulneración de dereitos humanos ou os incendios) con voces que evocan celebración e vitalidade. A participación está aberta no Portal das Palabras ata o 21 de decembro.
A campaña «La paraula de l’any», impulsada polo Observatorio de Neoloxía da Universidade Pompeu Fabra (UPF), o Instituto de Estudos Cataláns (IEC), o Termcat e 3Cat, convida a escoller o neoloxismo máis destacado de 2025 entre dez opcións que abranguen ámbitos como a saúde, a tecnoloxía, a identidade ou o clima. A votación, aberta ata o 16 de decembro, permitirá seleccionar a palabra que o IEC estudará con especial atención para a súa posible incorporación normativa.
“Nadal en Outes” é o lema dos dous certames cuxo obxectivo é impulsar a creatividade, apoiar o comercio local e fomentar o galego: o Concurso de Decoración, no que se premiarán propostas decorativas orixinais para fachadas e escaparates e se valorará o uso desta lingua; e o Concurso de Postais, dirixido á infancia e á mocidade de 3 a 17 anos, que invita a crear ilustracións cunha mensaxe en galego.
Fonte: Xuventude
O proxecto Landue pechou o ano cun acto no Elkartegi de Durango, onde empresas, institucións e axentes sociais reafirmaron o compromiso de crear espazos laborais e socioeconómicos euscaldúns. A iniciativa, impulsada pola Mancomunidade de Durangaldea, o Goberno vasco e a Deputación de Biscaia, busca introducir o éuscaro na xestión interna, na atención profesional e nas prácticas do alumnado de FP.
A Deputación Foral de Áraba concede unha axuda directa de 35 841,80 euros a Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, para impulsar en 2025 o programa Euskararen Biziberritzea Araban, nun convenio que fixa unha colaboración estable ata 2027 coa finalidade de reforzar o uso social do éuscaro.
Fonte: Radio Llodio
Boletín
Subscríbase ao boletín


