Os Premios Manuel Beiras recoñecen este ano as empresas A Grileira, Aqueladas e Nós Televisión polo seu labor exemplar en favor do galego no comercio, na produción audiovisual e na comunicación dixital. A gala salientou a demanda social de galego en Santiago e o papel das empresas como motor de prestixio lingüístico. A iniciativa, promovida polo Concello e a Cámara de Comercio, busca reforzar o uso do idioma no ámbito socioeconómico e destacar proxectos que o converten nun valor engadido.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Deputación da Coruña reforza o seu apoio ao galego mediante dous convenios coa Mesa pola Normalización Lingüística e con Correlingua, cun investimento total de 60 000 euros. A colaboración garante a continuidade de «A liña do galego», servizo clave para protexer os dereitos lingüísticos e promover avances no uso social do idioma. Ademais, apoia o Correlingua, iniciativa educativa e reivindicativa que mobiliza a mocidade na defensa do galego e impulsa actividades ao longo do curso.
O Consello Nacional da Lingua de Andorra aprobou un plan trienal (2026–2028) con 22 medidas para protexer, promover e normalizar o uso do catalán en todos os ámbitos. O documento prevé reforzar o coñecemento e o uso do catalán e realizar unha campaña para fomentar o hábito de falar a lingua oficial entre as persoas recentemente chegadas ao país.
Fonte: Diari de la Llengua
O pasado 30 de novembro de 2025, día de Santo André, a Lei de Linguas Escocesas recoñeceu oficialmente o gaélico e o scots como idiomas de Escocia. A lei permitirá, entre outras cousas, que as familias poidan solicitar escolas en gaélico na súa zona, e instaura “áreas de relevancia lingüística” para apoiar comunidades de falantes, como parte de medidas de promoción da lingua e revitalización cultural.
Fonte: Grand Pinnacle Tribune
A IA de Meta, integrada en WhatsApp, Facebook e Instagram, xa pode comunicarse en catalán. Este avance permítelles ás persoas usuarias manter conversas, traducir textos ou realizar consultas directamente en catalán. Meta atribúe a ausencia inicial deste idioma a limitacións do lanzamento europeo e asegura estar a perfeccionar o sistema, que incorpora correctores e mecanismos de mellora continua.
Fonte: Diari de la Llengua
A Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) presentou unha investigación pioneira que visibiliza as violencias específicas que sofren as mulleres xordas, con especial atención ás agresións lingüísticas e culturais, que condicionan a súa autonomía e dignidade. O estudo revela barreiras estruturais moi graves: dificultades para acceder a servizos básicos, falta de intérpretes en situacións críticas e procesos xudiciais pouco accesibles.
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica as bases do programa de axudas a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, a comercialización e a exhibición audiovisual en lingua galega durante o ano 2026.
Fonte: Consello da Cultura Galega
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, clausurou no colexio Froebel, en Pontevedra, a segunda edición do programa de dinamización lingüística Falamos +, no que participaron dez centros de educación infantil e primaria repartidos polas catro provincias co obxectivo, apuntou, “de aproveitar os centros escolares como espazos de socialización en idades temperás para impulsar o uso do galego máis alá das aulas, tamén nas actividades de lecer”.
O goberno británico permitirá que o córnico, lingua celta de Cornualles, teña o mesmo recoñecemento que o galés, o irlandés e o gaélico escocés, tal como se establece na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. A decisión marca un fito histórico para a preservación da identidade e da cultura de Cornualles.
Fonte: The Guardian
A Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) lanzou a aplicación gratuíta "Lenguas OEI", coa intención de revitalizar e promover a lingua quechua‑Collao nas rexións rurais do Perú.
Fonte: El Español
Boletín
Subscríbase ao boletín


