O salón SAGA presentou a súa cuarta edición como un grande escaparate do videoxogo en catalán, con máis espazo expositivo, novas competicións e actividades dirixidas a públicos diversos. A organización salientou o avance da industria, que xa incorpora o catalán na maioría dos títulos creados en Cataluña, e apuntou á vontade de reforzar a presenza da lingua nun sector tradicionalmente pouco multilingüe.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A gala do VI Certame Galetiktokers celebrouse en Bertamiráns para recoñecer a creatividade da mocidade que desenvolve contidos en galego nas redes. Nesta edición presentáronse 56 vídeos elaborados por máis de cen participantes, un incremento notable respecto ao ano anterior. A iniciativa pretende reforzar a presenza do galego nos novos formatos dixitais e apoiar a comunidade de creadoras e creadores que empregan esta lingua.
As universidades informan de que están a suprimir carreiras completas en linguas estranxeiras debido á caída da demanda de estudantes e a unha “mudanza social”, a pesar dos argumentos de que aprender linguas facilita a comprensión cultural e non pode substituírse só con traducións automáticas.
Fonte: The Guardian
Un novo compromiso do Goberno de Gales establece que os menores e mozos que estean baixo coidado tutelado deben conservar a súa lingua materna e cultura durante todo o proceso, con oportunidades para falar galés, socializar nese idioma e manterse na súa comunidade.
Pól Deeds tomou posesión como o primeiro Comisario de Lingua Irlandesa na historia de Irlanda do Norte. No seu novo rol, Deeds comprométese a promover e protexer o uso do gaélico na administración e na vida pública e garantir os dereitos dos seus falantes.
Fonte: RTÉ
O ministro de Educación de Luxemburgo, Claude Meisch, está a preparar un proxecto piloto que permitirá que o alumnado do ensino secundario, a partir de 4º curso, poida elixir se quere cursar as materias en alemán ou en francés. A iniciativa busca ofrecer maior flexibilidade lingüística dentro do currículo clásico, tradicionalmente centrado no alemán.
Fonte: Contacto
O Concello de Redondela celebra o Día da Ciencia en Galego coa actividade «Matemaxia», unha proposta divulgativa que une maxia e matemáticas para achegar as ciencias en galego ao alumnado e combater prexuízos sobre o seu ensino nesta lingua. A iniciativa, protagonizada polo Mago Paco, percorre ao longo do mes todos os centros públicos de primaria do municipio.
Fonte: Faro de Vigo
O estudo internacional "Enlgish Proficiency Index 2025" revela que Portugal se sitúa no sexto posto mundial en dominio do inglés entre 123 países analizados, cunha puntuación de 612 sobre 800, moi por riba da media global de 488. O informe subliña ademais que as rexións Norte e Centro, especialmente a área de Coimbra, lideran a clasificación nacional en coñecemento da lingua inglesa.
Fonte: Renascença
A Escola de Lingua de Signos de Tokyo, no Xapón, foi recoñecida polo seu labor na formación de atletas que compiten nos xogos olímpicos para persoas xordas. Esta homenaxe subliña a relevancia da lingua de signos como ferramenta esencial para a inclusión das persoas xordas, non só no ámbito deportivo, senón tamén na vida social e comunitaria.
Fonte: IPC Digital
O Concello de Pontevedra presentou a posta en marcha na cidade do programa «Modo galego, actívao!», unha iniciativa coordinada coa RAG e coas comunidades educativas de infantil e primaria para favorecer que as nenas e os nenos incorporen o galego nos seus espazos de socialización. A proposta inclúe a elaboración dun mapa sociolingüístico de cada centro e da cidade, proceso no que participarán profesorado e familias.
Boletín
Subscríbase ao boletín


