Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    19 de novembro de 2025

    Google presenta Gemini 3, o seu novo modelo de IA, concibido para mellorar o razoamento avanzado e a interpretación de contextos complexos en tarefas creativas ou analíticas. A súa chegada amplía o ecosistema de produtos baseados en IA de Google e inclúe unha novidade salientable: Gemini 3 Pro está dispoñible en 30 novos idiomas, entre eles o galego, co obxectivo de facilitar o seu uso para aprender, crear e planificar no día a día.

    19 de novembro de 2025

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou o set de rodaxe da serie televisiva Pensión incompleta, instalado na compostelá praza da Quintana como un dos escenarios galegos desta coprodución entre Galicia, Cataluña e País Vasco. O titular de Cultura do Goberno galego felicitou persoalmente o equipo polo avance do proxecto, subvencionado pola Xunta, do que destacou o seu carácter pioneiro como primeira serie rodada simultaneamente nas catro linguas oficiais do Estado.

    18 de novembro de 2025

    Un estudo da cidade de Helsinki conclúe que as persoas con orixe estranxeira en Finlandia ven as súas posibilidades laborais e de integración seriamente afectadas pola falta de competencias en finés ou sueco. Sinálase ademais que o acceso á formación lingüística non é uniforme polo que as oportunidades son especialmente limitadas.

    Fonte: YLE

    18 de novembro de 2025

    Katrín Jakobsdóttir, exprimeira ministra de Islandia, afirma que a lingua islandesa, falada por apenas 350 000 persoas, podería desaparecer nunha ou dúas xeracións se non se actúa, debido ao dominio crecente dos medios en inglés e ao uso da intelixencia artificial.

    Fonte: The Guardian

    18 de novembro de 2025

    A Academia Valenciana da Lingua e o Concello da Vall d’Uixó selaron un convenio para a promoción social e institucional do valenciano. O acordo, con vixencia inicial de catro anos, compromete o concello a actualizar o nomenclátor, ampliar a sinalización e os servizos en valenciano, crear unha oficina de promoción lingüística e aumentar a oferta cultural nesta lingua. Pola súa banda, a AVL ofrecerá asesoramento, materiais e colaboración en programas educativos e culturais.

    18 de novembro de 2025

    O Termcat e o Departamento de Saúde puxeron en marcha unha campaña para favorecer o uso do catalán nos espazos sanitarios mediante a difusión de carteis e vídeos que recollen vocabulario básico do corpo humano, do material médico e do equipamento clínico. Estes recursos, destinados a profesionais e pacientes, repartiranse en centros sanitarios e tamén estarán dispoñibles como infografías interactivas e vídeos en liña.

    18 de novembro de 2025

    A Real Academia Galega concedeulle ao CEIP Milladoiro de Malpica o I Premio Na lingua que eu falo, destinado a distinguir iniciativas que reforzan o uso do galego na infancia. A institución destacou que a comunidade educativa deste centro representa un modelo de creatividade, orgullo lingüístico e transmisión natural da lingua.

    18 de novembro de 2025

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación da xira Ialma 25 anos-Para Galegas NÓS, onde enxalzou “o traballo, o esforzo e a implicación que coa nosa cultura e identidade se mantén máis alá da nosa terra” en referencia ao grupo galego- belga que cumpre o seu 25 aniversario cunha homenaxe a Galicia, e que conta coa colaboración da Xunta.

    17 de novembro de 2025

    O Coliseu dos Recreios de Lisboa acolleu a presentación do proxecto TOM - Lisboa Capital da Música de Lingua Portuguesa, que celebrará a súa primeira edición en abril de 2026. O evento reunirá artistas e profesionais da música de todos os países lusófonos, co obxectivo de impulsar a creación e a difusión musical en lingua portuguesa.

    Fonte: Público

    17 de novembro de 2025

    O Goberno de Croacia anunciou que as persoas estranxeiras que queiran prorrogar o seu permiso de traballo deberán superar un exame de croata de nivel A1.1 despois dun ano no país. A medida forma parte dunha reforma máis ampla da Lei de Estranxeiría, mentres se reduce o número de permisos concedidos, especialmente no sector da construción.

    Fonte: Croatia Week

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder