O Goberno balear impulsou uns talleres gratuítos de iniciación ao catalán dirixidos ás familias dos centros educativos, pensados como porta de entrada á lingua para persoas recentemente chegadas. Estes cursos, de vinte horas, desenvólvense en todas as illas con 48 grupos e máis de setecentas cincuenta persoas inscritas. Os obradoiros ofrecen ferramentas prácticas para a vida diaria e fortalecen a acollida lingüística dentro da comunidade escolar.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Concello de Lleida consolidou o seu compromiso co catalán ao adherirse ao Pacto Nacional pola Lingua, nun acto no que o alcalde salientou o labor municipal para facer da lingua un recurso accesible e presente na vida urbana. Ademais, anunciou que o Concello creará en 2026 unha unidade específica de política lingüística, destinada a coordinar accións de acollida, formación e asesoramento.
A quinta edición de «Enredando co Galego», promovida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), involucra institutos de Lugo para incentivar a reflexión da mocidade sobre o uso do galego nas redes e para crear espazos de expresión literaria na web. A iniciativa, que agarda reunir arredor de seiscentos estudantes, combina participación dixital, creación artística e acción educativa e contribúe a derrubar prexuízos e a fortalecer a presenza do galego entre a xente nova.
O orzamento da Deputación Foral para 2026 reforza o impulso ao uso do éuscaro cun incremento significativo nos programas de promoción lingüística, centrados na mocidade e no eido socioeconómico, así como o apoio aos medios en nesta lingua e ás principais entidades culturais do territorio.
Fonte: Diputación Foral de Álava
A proposta lexislativa presentada por varias formacións nacionalistas no Congreso procura garantir plenamente os dereitos lingüísticos e avanzar cara a un plurilingüismo efectivo no Estado. A iniciativa quere asegurar que a cidadanía poida utilizar calquera lingua oficial perante a xustiza, as administracións estatais e os servizos públicos. O texto abrangue tamén ámbitos como consumo, transporte, medios e ensino e permitirá superar a desigualdade histórica entre linguas e blindar un trato equivalente para quen empregue galego, catalán, éuscaro ou aranés.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asiste á inauguración do Simposio Instituto da Lingua Galega 2025: A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Ministerio de Educación, Ciencia e Deporte de Lituania propón que, a partir de 2026, as persoas estranxeiras que traballen no sector servizos deberán acreditar un nivel básico de lingua lituana, e que tras dous anos de residencia no país se deberá esixir un nivel superior.
Fonte: UNN
O presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, sancionou unha lei que impide o uso de formas de linguaxe neutra, tal como “todes", en todos os niveis da administración pública. A normativa obriga os órganos públicos a utilizaren a normativa culta da lingua portuguesa, baseándose no Vocabulario Ortográfico da Lingua Portuguesa (Volp) e no Acordo Ortográfico da Lingua Portuguesa.
Fonte: Gazeta do Povo
O Concello de Pamplona traballa na elaboración do novo Plan de normalización lingüística para reforzar o uso e o prestixio social do éuscaro. O proxecto, que se desenvolverá ata novembro de 2026, comezará cun diagnóstico sociolingüístico que servirá de base para o deseño dun plan dirixido a ampliar a presenza da lingua tanto na cidade como na propia administración. A iniciativa incluirá unha estratexia de comunicación e a creación dun consello municipal do éuscaro, encargado do seguimento e avaliación das medidas.
A creación de contidos en catalán nas redes sociais medrou de maneira significativa: ata outubro rexistráronse 115 800 publicacións, un 26 % máis que no mesmo período do ano pasado, segundo os datos presentados na terceira edición de L’Aferrada 2025 en Palma. Nesta xornada, profesionais e institucións insistiron na importancia de fortalecer a presenza do catalán no ámbito dixital para xerar referentes e normalizar o seu uso.
Boletín
Subscríbase ao boletín