Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de marzo de 2026

    O Goberno de Gales e a comisaria da Lingua Galesa, Efa Gruffudd Jones, propoñen unha reforma ampla na educación para impulsar o uso do galés. As cifras mostran que o número de falantes diminúe e hai falta de escolas e docentes en galés, polo que reclaman medidas innovadoras e estruturais para garantir o seu uso en todos os ámbitos e poder atinxir o millón de falantes para o ano 2050.

    Fonte: Diari de la Llengua

    04 de marzo de 2026

    O Plan educativo de contorno de Lleida impulsa unha campaña de sensibilización lingüística destinada a reforzar o uso social do catalán no ámbito educativo ante o descenso da súa presenza nos centros. Baixo o lema «Parla en català i peta-ho!», a iniciativa inclúe vídeos con referentes da comunidade, creación de contidos por parte do alumnado e materiais de visibilización nos colexios. A proposta procura xerar contextos reais de uso da lingua entre a infancia e a mocidade e consolidar o catalán como ferramenta de cohesión, aprendizaxe e participación social.

    04 de marzo de 2026

    O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra presentou a 16ª edición do Certame de Microrrelatos en Galego, promovido pola Escola Oficial de Idiomas coa colaboración municipal. A iniciativa, aberta a persoas maiores de 14 anos, busca reivindicar a vitalidade do galego como lingua de creación literaria a través de textos breves elaborados a partir de tres palabras propostas pola organización.

    04 de marzo de 2026

    Ambas as entidades asinaron un convenio de colaboración por cinco anos co obxectivo de reforzar as sinerxías no desenvolvemento e promoción do éuscaro. O acordo prevé intensificar o traballo conxunto na difusión das normas do éuscaro unificado, no enriquecemento do vocabulario e na súa normalización en ámbitos científicos e técnicos.

    03 de marzo de 2026

    O Consello de Europa publicou dous informes sobre Hungría, centrados nas 13 minorías nacionais recoñecidas e no uso das linguas minoritaria. O organismo valora o marco legal e o apoio financeiro existente, pero advirte de carencias na aplicación práctica dos dereitos lingüísticos. Tamén sinala problemas como a segregación escolar da poboación romaní e a necesidade de reforzar a loita contra os delitos de odio. Entre as recomendacións, pide promover a tolerancia, mellorar a inclusión social e fomentar o uso público das linguas minoritarias.

    03 de marzo de 2026

    Un estudo publicado na Universidade York de Toronto explica que a educación bilingüe pode ter efectos positivos no cerebro infantil. Evidencias actuais demostran que a exposición regular a dous idiomas desde a infancia mellora habilidades como a atención, a memoria, a flexibilidade cognitiva e a capacidade de resolver problemas.

    Fonte: Observatório do Terceiro Setor

    03 de marzo de 2026

    Un estudo da Universidade Pompeu Fabra advirte de que ferramentas de intelixencia artificial xerativa están a difundir usos non normativos do catalán, en boa medida pola influencia do castelán nos seus modelos de adestramento. A análise, baseada en seis modelos lingüísticos e nun corpus de 160 oracións, revela que os sistemas multilingües presentan unha maior tendencia a desviárense da norma por interferencia do español ca os especializados en catalán.

    03 de marzo de 2026

    O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES San Clemente convoca o Premio de vídeos publicitarios «Galeguizar é multiplicar», no marco do programa «O galego fainos fortes», co obxectivo de fomentar o uso da lingua no ámbito empresarial a través da creación audiovisual. A iniciativa diríxese a alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional de calquera centro, que deberá elaborar pezas de ata dous minutos sobre empresas compostelás que empreguen o galego e formen parte das redes Galego Empresas ou Abertos ao Galego.

    03 de marzo de 2026

    O Concello de Pamplona e Soziolinguistika Klusterra asinaron un convenio para desenvolver a IX Medición do Uso das Linguas na Vía Pública, un estudo científico que ofrecerá datos actualizados sobre o emprego real dos idiomas na cidade. A investigación, con máis de tres décadas de traxectoria, baséase na observación sistemática de conversas espontáneas e incorpora melloras metodolóxicas e ferramentas dixitais que reforzan a representatividade dos resultados.

    02 de marzo de 2026

    Un informe elaborado polo medio de comunicación en liña Phayul revela que as autoridades da China están a endurecer as restricións sobre a expresión dixital tibetana na plataforma de redes sociais Kuaishou, censurando publicacións que inclúan escritura ou fala en tibetano, traxes tradicionais e ensinanzas relixiosas. As persoas usuarias enfróntanse a advertencias, suspensións temporais ou eliminación permanente das súas contas se comparten este tipo de contidos.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder