Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    16 de marzo de 2026

    BBC Studios anunciou o lanzamento dunha versión en francés da canle documental BBC Earth a través da plataforma CANAL+. A nova oferta permitirá ampliar a difusión dos contidos de natureza e ciencia da BBC entre o público francófono, especialmente en países africanos. Esta nova emisión permitirá que millóns de espectadores accedan a contidos de alta calidade sobre o mundo natural e historias humanas extraordinarias.

    Fonte: SeñalNews

    16 de marzo de 2026

    A Universidade de Liverpool conmemora o centenario do ensino da lingua e da cultura catalás, unha tradición académica de longa traxectoria na institución. Con motivo desta efeméride, organízanse concertos, conferencias e encontros culturais para pór en valor este legado, que converteu o centro nun referente internacional na difusión do catalán no ámbito universitario fóra de Cataluña.

    Fonte: Diari de la Llengua

    16 de marzo de 2026

    O IES Concepción Arenal de Ferrol celebra do 16 ao 27 de marzo a quinta edición do Desafío Galego, unha iniciativa educativa que promove o uso do galego entre o alumnado. Un total de 204 estudantes de Bacharelato participan voluntariamente nun acordo lingüístico para empregar o galego no instituto, na vida diaria e tamén nas redes sociais, co obxectivo de reforzar a conciencia lingüística e normalizar o seu uso entre a mocidade.

    16 de marzo de 2026

    O servizo de consultas lingüísticas Optimot fixo público o veredicto do #ConcursOptimot2026, no que os participantes debían crear novos refráns en catalán adaptados á vida actual e publicalos nas redes sociais. O xurado seleccionou dez propostas gañadoras entre 117, premiadas con subscricións a plataformas de contidos en catalán como FilminCAT e iQuiosc, co obxectivo de fomentar a creatividade e o uso correcto da lingua nas redes sociais.

    16 de marzo de 2026

    O Concello de Pamplona e Euskaltzaindia (Real Academia da Lingua Vasca) renovaron o seu convenio anual de colaboración para o asesoramento lingüístico en materia de éuscaro, cunha dotación de 12 000 euros para 2026. A academia prestará apoio técnico ao consistorio, emitirá informes e certificacións lingüísticas e promoverá actividades culturais e de difusión da lingua vasca na cidade.

    16 de marzo de 2026

    A plataforma Queremos Galego presentou o protocolo Lingua Vital, un documento con arredor de 300 medidas para reforzar o uso do galego ante o que cualifican de “emerxencia lingüística”. O texto, elaborado por 57 entidades e apoiado por case 400 organizacións, propón actuacións en ámbitos como educación, administración, cultura ou medios de comunicación, entre elas aumentar a docencia en galego, garantir o coñecemento da lingua nos servizos públicos e recuperar o papel normalizador da TVG.

    13 de marzo de 2026

    O Parlamento de Gales aprobou unha lei que recoñece oficialmente a lingua de signos británica (BSL, polas súas siglas en inglés) e que busca mellorar os dereitos e a accesibilidade da comunidade xorda. A nova lexislación obriga o goberno galés a desenvolver medidas para promover o uso da BSL e afrontar as desigualdades que historicamente afectaron as persoas xordas en ámbitos como os servizos públicos, a educación ou o transporte.

    13 de marzo de 2026

    O Ministerio de Educación da República de Irlanda abriu unha praza a tempo parcial na área do ensino da lingua portuguesa. A convocatoria está dirixida a persoas cun nivel mínimo B2.2 de portugués segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, experiencia docente no ensino secundario ou no terceiro ciclo de primaria e boas competencias dixitais. 

    Fonte: Bom dia

    13 de marzo de 2026

    O goberno chinés aprobou unha lei de “unidade étnica” destinada a fortalecer unha identidade nacional común e impulsar o uso do mandarín na educación e na vida pública. Analistas e organizacións de dereitos humanos alertan de que a medida consolida políticas de asimilación cultural que afectan especialmente a tibetanos, uigures e mongoles, ao reducir o espazo para as súas linguas e tradicións e aumentar o control estatal sobre estas comunidades.

    13 de marzo de 2026

    Un datathon organizado pola Universidade de Zaragoza busca reforzar a presenza do aragonés nos sistemas de intelixencia artificial mediante a creación e revisión de datos lingüísticos. Durante a xornada, persoas voluntarias e especialistas supervisan máis de 10 000 oracións traducidas automaticamente para mellorar os recursos dispoñibles para modelos de linguaxe. A iniciativa pretende ampliar o corpus dixital desta lingua, considerada seriamente ameazada pola Unesco, e facilitar a súa integración nas tecnoloxías de procesamento da linguaxe natural.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder