Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de marzo de 2026

    O Departamento de Política Lingüística da Generalitat traballou no último ano con máis de 200 empresas para ampliar a presenza do catalán en webs, aplicacións, manuais, etiquetado e outros servizos dirixidos ás persoas consumidoras. A incorporación da lingua estendeuse a sectores como a restauración, a automoción, a electrónica, a moda, a loxística, o deporte ou os servizos financeiros. A iniciativa busca garantir os dereitos lingüísticos no consumo e consolidar o uso do catalán nos produtos e plataformas de grandes compañías que operan en Cataluña.

    13 de marzo de 2026

    O Museo da Lingua Portuguesa, situado na Estación da Luz en São Paulo, cumpre 20 anos o 21 de marzo de 2026 e celebrará o aniversario cun programa especial que inclúe visitas guiadas, obradoiros, concertos e actividades educativas.

    Fonte: Afubesp

    13 de marzo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor “a contribución ao prestixio e á produción poética en lingua galega” que representa o festival ‘Alguén que respira!’, organizado co apoio da Xunta de Galicia para pór en valor o talento dos nosos creadores e do noso idioma a través da poesía.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    13 de marzo de 2026

    Ambas as institucións asinaron un convenio para elaborar o mapa sociolingüístico escolar do municipio, co obxectivo de coñecer a situación do galego entre a poboación máis nova. O estudo permitirá dispor dun diagnóstico preciso que sirva de base para impulsar novas accións de normalización lingüística no ámbito educativo.

    Fonte: Real Academia Galega

    12 de marzo de 2026

    Só un 17,8 % da mocidade de Barcelona emprega habitualmente o catalán, mentres que un 30,8 % afirma non utilizalo nunca, segundo a Enquisa á Mocidade de Barcelona 2025. Os datos evidencian un forte descenso respecto de 2015, cando o 37,7 % da xente nova tiña esta lingua como habitual. O castelán sitúase como idioma predominante para máis da metade das persoas enquisadas, nun contexto que o Concello cualifica de preocupante e que considera un desafío para as políticas de promoción do uso social do catalán.

    12 de marzo de 2026

    A Escola Galega de Administración Pública organiza varias actividades formativas para  persoal que traballa na Administración local, entre as que se atopa o curso en liña «Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego» que se impartirá entre o 20 de maio e o 4 de xuño de 2026.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    12 de marzo de 2026

    O Concello de Salceda de Caselas publicou a súa Ordenanza municipal de uso da lingua galega, que establece os criterios lingüísticos que deben seguir a propia institución, os seus organismos dependentes e as empresas concesionarias que actúen por encargo municipal. A norma tamén prevé a creación dun servizo de normalización lingüística, encargado de impulsar e coordinar as políticas de promoción e uso do galego na administración local.

    12 de marzo de 2026

    O Consello da Avogacía Catalá propuxo ampliar os incentivos ao uso do catalán na quenda de oficio para incluír tamén as intervencións orais nos xuízos, ademais dos escritos procesuais que xa reciben compensación económica. A entidade considera que esta medida permitiría reforzar a presenza da lingua nas salas de vistas e garantir o dereito da cidadanía a utilizar o catalán na Administración de Xustiza.

    12 de marzo de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou na presentación do XIV Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas. Trátase dunha iniciativa impulsada pola fundación dedicada ao autor e co que colabora a Xunta de Galicia co obxectivo, apuntou, de “favorecer que se leven a cabo actividades entre a comunidade escolar que poñan en valor a lingua, a prestixien e fomenten o seu coñecemento e uso, relacionándoa directamente coa nosa cultura”.

    12 de marzo de 2026

    A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, e mais a Irmandade Xurídica Galega avanzan para asinar o primeiro grande acordo de promoción do uso do galego cos corpos de seguridade do Estado. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, mantivo un encontro con responsables da Garda Civil en Galicia e con representantes da Administración estatal e profesionais do ámbito da xustiza, para ver as posibles vías de colaboración que redunden nun maior uso do galego por parte da Garda Civil.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder