A Real Academia Galega, o Concello de Rois e a Secretaría Xeral da Lingua colaborarán na elaboración do mapa sociolingüístico escolar do municipio, co fin de coñecer con detalle a situación do galego entre o alumnado. O estudo, que abranguerá as etapas de infantil, primaria e secundaria, pretende fornecer unha base rigorosa para orientar futuras accións de normalización lingüística.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O alumnado da Queen’s University de Belfast votou de maneira contundente a favor de recuperar a sinalización bilingüe en irlandés e inglés e de outorgar igualdade de status a ambas linguas na universidade. Aínda que a decisión non é vinculante, resulta significativa ao evidenciar un amplo apoio á normalización do irlandés no ámbito universitario..
Fonte: BBC
Cuba planea incorporar o ruso como primeira lingua estranxeira no sistema educativo a partir do curso 2026-2027, no marco dun reforzo das relacións con Rusia. A iniciativa inclúe programas de ensino, profesorado especializado e novos centros educativos, co obxectivo de fortalecer os vínculos culturais e educativos entre ambos países.
Fonte: Cubita NOW
O Concello de Ames convocou a vixésimo terceira edición do seu Certame Literario, unha iniciativa consolidada que busca estimular a creación en galego e contribuír á difusión da cultura propia. O premio mantén as modalidades de narrativa e poesía, ambas distribuídas en tres categorías por idades, e repartirá 3800 euros en premios, ademais da publicación dos textos gañadores nun volume colectivo.
A plataforma Sant Jordi per la Llengua volverá convocar o 23 de abril unha mobilización para denunciar o retroceso do catalán e o aumento das discriminacións lingüísticas, cun acto central en Barcelona e extensión prevista a outras cidades. A protesta, apoiada por unha trintena de entidades sociais e culturais, quere consolidarse como unha resposta cívica ante a perda de presenza da lingua e situar esta cuestión no centro da axenda pública.
A USC vén de convocar dúas iniciativas coas que pretende reforzar a presenza do galego na divulgación científica e matemática entre o alumnado de ensino medio. Por unha banda, a Facultade de Ciencias impulsa a quinta edición de Petiscos de ciencia, dirixida a estudantado de secundaria, bacharelato e formación profesional e, pola outra, a Facultade de Matemáticas promove o XIV concurso Explícoche Matemáticas 2.0, centrado na creación de curtas en galego sobre conceptos matemáticos.
Investigadores da Universidade de Bonn desenvolveron un modelo de intelixencia artificial chamado Tucano 2, que razoa directamente en portugués. Este sistema busca reducir a dependencia doutros idiomas dominantes na IA e mellorar o acceso tecnolóxico para falantes de linguas con menos recursos, apostando por un desenvolvemento máis equitativo da IA.
Fonte: DW
Paraguai presentou o primeiro dicionario audiovisual multilingüe (DamPy), unha ferramenta dixital innovadora que integra son e imaxe para facilitar a aprendizaxe de linguas. Na súa primeira fase inclúe castelán, guaraní, mbya e lingua de signos, co obxectivo de democratizar o acceso ao coñecemento e preservar a diversidade lingüística do país.
Fonte: Última hora
A Deputación Foral de Bizkaia e Taupa Euskaltzaleen Mugimendua avanzan no programa «Bizkaian Bagara. Berbak zubi», unha iniciativa de tres anos orientada a reforzar o uso do éuscaro e a estender a súa presenza a novos ámbitos sociais. No primeiro exercicio, o plan permitiu desenvolver 15 proxectos en 20 localidades de oito comarcas de Biscaia, adaptados á realidade sociolingüística de cada zona e a públicos de idades diversas.
Afundación, a Xunta e o Centro PEN de Galicia convocan a vixésimo cuarta edición do Premio de Poesía, unha cita xa consolidada que procura impulsar a creación literaria en galego. As obras, inéditas e cun mínimo de 600 versos, poderán presentarse ata o 31 de xullo. O certame, dotado con 7000 euros, inclúe ademais a publicación do texto gañador na colección Arte de Trobar. Trátase dun dos galardóns máis relevantes da poesía galega, cunha traxectoria que reúne algunhas das voces máis destacadas do panorama literario do país.
Boletín
Subscríbase ao boletín


