Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    06 de abril de 2026

    O Concello da Pobra do Brollón porá en marcha, desde o 7 de abril, un curso de galego para persoas adultas co que pretende impulsar a aprendizaxe e o uso da lingua no ámbito local. As clases desenvolveranse os martes, de sete a oito e media do serán, na aula da Escola Municipal de Música e estarán abertas a distintos perfís, ao tratarse dunha formación adaptada a todos os niveis. A actividade terá un custo de 15 euros e contará con prazas limitadas.

    06 de abril de 2026

    O Goberno balear aprobou o Plan de actuación do Instituto de Estudos Baleáricos para 2026, unha folla de ruta coa que reforzará a proxección exterior da cultura e da lingua catalás, ao tempo que manterá o apoio á edición, á creación literaria e á mobilidade de artistas das illas. O organismo seguirá acompañando os sectores creativos na súa presenza en feiras e mercados internacionais e continuará, ademais, a colaboración con institucións académicas en iniciativas de carácter lingüístico e patrimonial.

    06 de abril de 2026

    O Goberno catalán e Òmnium Cultural puxeron en marcha un plan piloto para promover grupos de conversa en catalán no seo das comunidades relixiosas, coa intención de favorecer o uso social da lingua en espazos de confianza e reforzar a cohesión colectiva. A experiencia, iniciada en Barcelona no outono pasado cunha comunidade evanxélica, articúlase a través de sesións semanais centradas na práctica oral e na creación de vínculos entre as persoas participantes.

    03 de abril de 2026

    Unha escola en Guatemala organizou actuacións na lingua kaqchikel para fomentar o seu uso entre a xente nova. A iniciativa, apoiada por organizacións culturais, destaca o papel da educación e as artes na conservación das linguas indíxenas.

    Fonte: AP News

    03 de abril de 2026

    O Goberno vasco aprobou a convocatoria deste ano das axudas Lanhitz, dotada con 2,5 millóns de euros, para reforzar a presenza e o uso do éuscaro nos centros de traballo do sector privado. A liña, que incrementa a súa contía nun 13,6 %, distribúese en catro modalidades: desde accións puntuais en entidades sen plan lingüístico até proxectos estratéxicos en organizacións con ampla traxectoria neste eido. Ademais, as subvencións tamén cubrirán diagnósticos, deseño de plans e medidas de implantación, así como actuacións ligadas a plans de xestión xa consolidados.

    01 de abril de 2026

    O executivo andorrano advirte de que o uso do catalán podería diminuír nos resultados da próxima enquisa de usos lingüísticos. A pesar de ser a lingua oficial do país pirenaico, factores como os cambios demográficos e a diversidade lingüística do país inflúen na súa presenza social. O aviso apunta á necesidade de reforzar políticas para fomentar o uso habitual do catalán entre a poboación.

    Fonte: Diari de la Llengua

    01 de abril de 2026

    A Oficina do Tíbet en Londres anunciou novas iniciativas para promover o uso do tibetano entre a comunidade, especialmente na escola e no fogar. Entre elas destaca un programa educativo que incentiva o alumnado a falar a lingua mediante actividades e recompensas. Tamén se anima as familias a empregala na vida diaria. Estas accións responden ao temor pola erosión da lingua e cultura tibetanas debido ás políticas chinesas.

    01 de abril de 2026

    As comisións de normalización lingüística de varios centros da Universidade de Santiago impulsan a terceira edición do Concurso de edición da Galipedia, unha iniciativa coa que buscan reforzar a creación e difusión de contidos de calidade en galego e incentivar a implicación da comunidade universitaria na promoción da lingua e da cultura propias.

    01 de abril de 2026

    A Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra presentou a programación de primavera do proxecto Apego, dirixida a familias con crianzas de até seis anos, co obxectivo de favorecer que o galego se incorpore con naturalidade aos espazos de afecto e lecer. A proposta, que supera as vinte actividades, desenvolverase entre abril e xuño arredor de dous eixes: un centrado nas artes, con sesións de música, danza, ioga e contacontos; e outro dedicado á mitoloxía galega, con obradoiros itinerantes nas parroquias.

    01 de abril de 2026

    O Goberno vasco aprobou o Plan estratéxico do éuscaro, unha iniciativa coa que pretende avanzar na normalización da lingua e, sobre todo, impulsar o seu uso efectivo na vida diaria. O documento fixa catro grandes metas (mellorar o coñecemento, ampliar os espazos de uso, reforzar o prestixio social e apoiar a toma de decisións en datos) e abrangue ámbitos como a transmisión, o lecer, o traballo, os medios e o contorno dixital.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder