Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de abril de 2026

    O Ministerio de Cultura abriu unha nova convocatoria de subvencións, dotada con 200 000 euros, para impulsar a tradución de libros entre as distintas linguas oficiais do Estado e favorecer así a circulación interna das obras literarias. As axudas diríxense sobre todo ás editoras que aposten por publicar títulos nunha lingua diferente da orixinal, co propósito de fortalecer a diversidade cultural e achegar ao lectorado creacións procedentes doutras tradicións literarias.

    09 de abril de 2026

    A Xunta, o Parlamento e a Universidade de Santiago colaborarán até 2029 na ampliación e modernización de Lex.gal, o portal que reúne a lexislación galega en lingua propia, coa intención de mellorar os seus contidos, a súa base tecnolóxica e a súa proxección social. O novo convenio, dotado con máis de medio millón de euros, prevé incorporar ferramentas de intelixencia artificial para reforzar o funcionamento da plataforma, crear novas seccións e facilitar o acceso da cidadanía aos recursos xurídicos en galego.

    08 de abril de 2026

    A cidade de Perpiñán acolle o proxecto “Parlem!”, unha iniciativa que durante 24 días busca incentivar o uso do catalán nas conversas cotiás. A proposta crea espazos e dinámicas para que as persoas practiquen a lingua sen medo, empregando distintivos segundo o seu nivel para facilitar a interacción. O obxectivo é romper as barreiras que frean o seu uso social e reforzar a presenza do catalán na vida pública da Cataluña Norte.

    Fonte: Diari de la Llengua

    08 de abril de 2026

    Karliin Aariak foi nomeada de novo comisaria de linguas de Nunavut, territorio autónomo do Canadá, despois de que o cargo permanecese sen cubrir durante máis dun ano. Aariak, que xa ocupara o posto até 2025, inicia agora un novo mandato de cinco anos tras a aprobación unánime da asemblea lexislativa. A súa función será supervisar a protección dos dereitos lingüísticos nun territorio onde conviven linguas como o inuktitut, o inglés e o francés.

    08 de abril de 2026

    Corea do Sur estenderá o acceso a unha plataforma pública baseada en intelixencia artificial destinada a estudantes de orixe inmigrante. A ferramenta busca facilitar a aprendizaxe do idioma coreano e mellorar a integración no sistema educativo, respondendo ao aumento da diversidade nas aulas e á necesidade de apoio lingüístico específico.

    Fonte: The Korea Herald

    08 de abril de 2026

    EITB reforzará desde a semana do 13 de abril a oferta infantil en éuscaro en aberto ao duplicar o sinal de ETB1 ON, que emitirá por TDT doce horas continuadas de contidos de Makusi entre as 07.00 e as 19.00. A corporación pública prevé crear un foro estable de diálogo con axentes vinculados á lingua para compartir estratexias arredor da dixitalización e do impulso do audiovisual en éuscaro.

    08 de abril de 2026

    O Hospital Clínic de Barcelona ampliará o seu Plan de acollida lingüística e cultural para chegar a todas as persoas residentes, o que permitirá implicar máis de 400 profesionais sanitarios na súa segunda edición. A iniciativa pretende mellorar a integración e a comunicación coa cidadanía mediante o reforzo do uso do catalán, combinando formación lingüística, parellas de aprendizaxe e actividades culturais.

    08 de abril de 2026

    O Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. Así se deu a coñecer na presentación celebrada no Museo de Bergantiños, na que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto ás codirectoras do festival, Sonia Méndez e Andrea Villa, e representantes do Concello de Carballo.

    08 de abril de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, celebrou a “implicación da comunidade escolar e familias en iniciativas que fomenta o maior emprego do galego nos espazos de socialización dos centros educativos”. Fíxoo na presentación do festival de clausura da cuarta edición do programa de dinamización lingüística «Modo Galego, Actívao!», que terá lugar o vindeiro 17 de abril na explanada pavillón municipal de Bertamiráns, no concello coruñés de Ames, e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia.

    07 de abril de 2026

    O Girona FC e a Plataforma per la Llengua asinaron un convenio de colaboración para impulsar o uso e a normalización do catalán, especialmente no ámbito deportivo. O club reafirma así unha política lingüística xa consolidada, na que o catalán ocupa un lugar central tanto na comunicación interna como nas relacións públicas, incluídas redes sociais e eventos. Ambas as partes subliñan o valor do deporte e do lecer como espazos clave para reforzar o uso social da lingua e confían en que esta alianza sirva de referente para outras entidades.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder