Pontevedra acolle a gala de entrega dos premios da novena edición de Enreguéifate, un certame impulsado por varios concellos para divulgar a regueifa e estimular o uso do galego entre a mocidade. O acto reunirá no Pazo da Cultura arredor de 800 persoas, entre elas alumnado participante de centros de toda Galicia, e combinará a recollida dos galardóns con propostas musicais e intervencións vencelladas á improvisación oral.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A nova entrega de Proxector, iniciativa divulgativa en galego, céntrase nas artes plásticas cunha selección de doce vídeos que exploran distintas disciplinas e a súa relación coa ciencia. O percorrido inclúe contidos sobre figuras como José Suárez ou Maruja Mallo, así como achegas á fotografía histórica, á arte urbana e ao patrimonio artístico galego. Ademais, a proposta destaca o potencial da creación artística como ferramenta para divulgar coñecemento científico. Con esta escolma, o proxecto reforza o papel do galego na transmisión cultural e científica.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou o bo momento que está a vivir o sector do libro en lingua galega grazas a escritores, editores, bibliotecas e empresas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Goberno vasco e a Oficina Pública da Lingua Vasca crearán en 2026 un fondo de 2,47 millóns de euros para promover o éuscaro en Iparralde, 540 000 euros máis ca o ano anterior. A iniciativa financiará proxectos e reforzará a cooperación transfronteiriza na promoción da lingua.
Fonte: Euskadi.eus
Está aberta unha convocatoria para profesorado de portugués interesado en impartir docencia en Edimburgo e Glasgow, nos niveis de ensino básico. A candidatura docente forma parte das iniciativas de difusión da lingua portuguesa no exterior do Instituto Camões.
O Concello de Tremp puxo en marcha unha campaña para reforzar o uso do catalán no comercio local tras detectar carencias na súa presenza, especialmente en negocios con trato directo coa clientela. A iniciativa ofrece formación práctica ao persoal de bares, restaurantes e tendas para mellorar a comunicación oral e escrita, así como apoio na revisión de cartas, carteis e contidos para redes sociais.
A Praza de San Marcos acollerá o 15 de abril a inauguración de A lingua do futuro / O futuro da lingua, unha exposición fotográfica de Alba Díaz que propón unha reflexión visual sobre a situación sociolingüística de Galicia coincidindo co Día Mundial da Arte. A mostra retrata unha xeración nova que, malia medrar nun contexto de retroceso do galego, conserva a lingua como vehículo principal.
A presidenta do Instituto de Estudo Cataláns proporá que a Sección Filolóxica estude unha denominación común para a lingua en todos os territorios do seu dominio, coa intención de reforzar unha identificación compartida en contextos externos e académicos. A responsable da institución defende que a fórmula «lingua catalá» podería cumprir esa función sen invalidar as denominacións propias de cada territorio no uso interno.
O Instituto Camões organiza, en colaboración con seis institucións de ensino superior, a sétima edición do curso de verán de lingua e cultura portuguesas, que se desenvolverá en formato dixital entre xuño e xullo de 2026. As inscricións estarán abertas do 5 ao 18 de maio, e o curso comezará o 29 de xuño, cunha duración de catro semanas. Está dirixido a alumnado de todos os niveis (de A1 a C2) e combina formación lingüística e cultural.
Fonte: Bom dia
As solicitudes para varios niveis do exame oficial de lingua xaponesa, necesario para estudar ou traballar no Xapón, pecharon antes do previsto polo forte aumento da demanda. A organización adiantou o peche das inscricións por falta de espazos, deixando fóra moitas persoas aspirantes.
Fonte: Japan Wire
Boletín
Subscríbase ao boletín


