O Departamento de Política Lingüística abriu unha nova convocatoria de axudas para incorporar o catalán aos xogos de mesa, co propósito de ampliar a súa presenza nun sector en expansión e reforzar o seu uso social e comercial. A liña, dirixida a empresas que distribúan e comercialicen estes produtos en Cataluña, apoiará tanto edicións integramente en catalán como versións multilingües que inclúan esta lingua.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Departamento de Política Lingüística abriu o prazo para solicitar subvencións destinadas a incorporar o catalán, o occitano e a lingua de signos catalá en longametraxes e series distribuídas en plataformas audiovisuais. As axudas, dirixidas a distribuidoras cinematográficas e plataformas dixitais, cubrirán dobraxe, subtitulación, audiodescrición e interpretación en lingua de signos, co obxectivo de ampliar a oferta de contidos nestas linguas, especialmente nos títulos de maior impacto.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e Beatriz Caamaño, irmá de Begoña Caamaño, inauguraron a Xornada do Día das Letras Galegas dedicada a Begoña Caamaño, organizada pola Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Os bancos de Letonia deixarán de ofrecer o ruso como opción nas aplicacións móbiles e nos servizos de banca en liña a partir do 21 de maio. A medida forma parte dunha política máis ampla para reforzar o uso da lingua oficial e reducir a presenza do ruso en servizos públicos e privados no país báltico.
Fonte: IPN
Os cursos do Programa Nacional de Aprendizaxe do Romanés 2026-2028 da República Moldova contan xa con máis de 6800 persoas inscritas en todo o país e cun total de 100 grupos formados. A iniciativa, promovida polo Ministerio de Educación e Investigación, ofrece formación en distintos niveis tanto presencial como en liña, co obxectivo de mellorar as competencias lingüísticas da poboación adulta.
Fonte: Radio Moldova
O Concello de Vitoria-Gasteiz impulsará unha nova análise sobre a presenza do éuscaro no lecer extraescolar, co propósito de coñecer como evolucionou a situación nos últimos cinco anos e detectar novas vías de intervención. A decisión parte da utilidade que tivo o estudo encargado en 2021, realizado nun contexto aínda marcado pola pandemia, para comprender mellor a realidade lingüística neste ámbito. Con esta actualización, o municipio pretende afinar o diagnóstico e reforzar as actuacións orientadas a incrementar o uso do éuscaro entre a poboación máis nova.
A cultura creada en catalán ocupou entre o 40 % e o 60 % dos contidos culturais das principais radios e televisións de Cataluña ao longo de 2025, segundo un informe do Consello do Audiovisual de Cataluña, que sitúa aínda máis arriba a presenza global da cultura catalá se se inclúen tamén obras doutras linguas asinadas por autoras e autores do país. O estudo subliña, así mesmo, o peso destacado da música en catalán nos medios da CCMA, ao tempo que constata unha presenza estable da cultura nas programacións.
A cidade portuguesa de Guimarães foi elixida para acoller en 2027 a Asemblea Xeral da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA), nunha decisión tomada en Macau. Este nomeamento reforza a súa presenza internacional dentro da rede de cidades de lingua portuguesa.
Fonte: Jornal de Notícias
A Universidade de Santiago de Compostela presentou o Dicionario esencial de psicoloxía, unha obra que recolle arredor de 1500 conceptos básicos vinculados á docencia de grao e mestrado neste ámbito. A publicación ofrece as correspondentes denominacións en galego, castelán e inglés, co propósito de facilitar tanto a aprendizaxe como a precisión terminolóxica. Ademais de servir de apoio ao estudantado, a ferramenta nace tamén como recurso útil para profesionais da psicoloxía en distintos campos de exercicio.
Un proxecto educativo desenvolvido no sur de Mozambique pretende ampliar a produción e distribución de libros infantís bilingües en linguas nacionais. A iniciativa busca fomentar a lectura e mellorar a aprendizaxe nas primeiras etapas escolares, promovendo o uso das linguas maternas.
Fonte: Notícias ao Minuto
Boletín
Subscríbase ao boletín




