Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de xaneiro de 2026

    O Goberno do Reino Unido puxo en marcha as principais medidas da Lei de Identidade e Linguas en Irlanda do Norte, recoñecendo oficialmente o irlandés e o escocés do Úlster. A norma nacera co obxectivo de reforzar os dereitos lingüísticos e a diversidade cultural da rexión.

    Fonte: Irish Legal News

    30 de xaneiro de 2026

    A Universidade de Évora distinguiu o escritor portugués José Luís Peixoto co Premio Vergílio Ferreira 2026, en recoñecemento á forza creativa e á relevancia da súa obra literaria que conta con traducións en máis de 30 linguas.

    Fonte: SIC Notícias

    30 de xaneiro de 2026

    O Ministerio de Educación francés anunciou a creación dunha licenciatura específica para formar profesorado de primaria bilingüe francés-catalán en Perpiñán a partir do próximo curso. A medida responde a unha demanda da Asociación polo ensino do catalán na Cataluña Norte (APLEC).

    Fonte: Diari de la Llengua

    30 de xaneiro de 2026

    A Deputación da Coruña e Orgullo Galego lanzan unha nova edición do programa «O galego e as redes sociais», dirixido a fomentar o uso do galego no ámbito dixital e na creación de contidos musicais entre a mocidade. A través de charlas en 22 centros educativos, o programa busca conectar o galego coa realidade comunicativa actual e visibilizar proxectos de éxito en galego nas redes sociais.

    30 de xaneiro de 2026

    A Real Academia Galega e PuntoGal convocan a novena edición do Concurso de Microrrelatos, aberto a persoas de todas as idades, co obxectivo de promover a escrita breve e a capacidade de expresar grandes ideas en poucas palabras. Os participantes poden presentar até dous relatos de máximo 200 palabras nas categorías infantil, xuvenil e de adultos. O concurso busca dar visibilidade a escritores noveles e consolidar a escritura en galego.

    30 de xaneiro de 2026

    DeepL lanzou recentemente a incorporación do catalán, o éuscaro, o galego e o aragonés á súa plataforma de tradución automática, co que responde así á necesidade de mellorar a comunicación profesional en contornos onde estas linguas se usan regularmente. A nova funcionalidade busca facilitar a interacción nas empresas e administracións, e mellorar a axilidade na atención ao cliente, a documentación e as operacións diarias.

    30 de xaneiro de 2026

    O Instituto de Estudos Cataláns (IEC) e o Congreso dos Deputados asinou un convenio de colaboración para promover o uso do catalán no ámbito xurídico, especialmente nas iniciativas lexislativas. O acordo establece un marco de colaboración para traducir e publicar en catalán as leis aprobadas no Congreso e garantir así que esta lingua sexa usada de maneira normalizada en todos os ámbitos xurídicos.

    29 de xaneiro de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e mais o delegado territorial Javier Arias Fouz participaron no encontro Neofalantes. Unha conversa para sementar galego. A iniciativa promoveuna a Delegación Territorial da Xunta en Lugo dirixida a alumnado de ensino secundario para abordar o tema do neofalantismo e propiciar a reflexión sobre esta realidade sociolingüística a través de experiencias reais, nunha mesa redonda moderada polo creador multidisciplinar e neofalante Simón Rodríguez, O Galego de Caracas.

    29 de xaneiro de 2026

    Òmnium Cultural, xunto con Pimec, UEI-Foment del Treball e os sindicatos UGT e CC. OO., asinou un convenio para ofrecer clases de catalán en catro empresas como parte do proxecto Vincles. O obxectivo é promover o uso do catalán no ámbito laboral, creando espazos de socialización na lingua no traballo. O proxecto, que se comezará a implementar en abril, permitirá mellorar a integración lingüística dos traballadores e fomentar a cohesión social e laboral.

    29 de xaneiro de 2026

    O Departamento de Política Lingüística concedeu subvencións a 56 proxectos para promover o uso do catalán en produtos tecnolóxicos e ferramentas dixitais. Os proxectos seleccionados inclúen áreas como a intelixencia artificial, a educación dixital, a accesibilidade, a cultura e os videoxogos e consolidan o catalán como lingua funcional en contornos tecnolóxicos avanzados.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder