A Unesco conmemora o 5 de maio o Día Mundial da Lingua Portuguesa, destacando a importancia do idioma como unha lingua global falada por máis de 300 millóns de persoas en varios continentes. A celebración pon en valor o multilingüismo e a diversidade cultural, e busca reforzar o recoñecemento internacional do portugués como unha lingua en expansión e de grande relevancia global.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O Parlamento de Cataluña aprobou instar o Goberno a vincular axudas, convenios e promoción de eventos deportivos ao uso normalizado do catalán nas comunicacións oficiais e no desenvolvemento das actividades. A moción reclama tamén poñer en marcha un programa específico para fomentar a lingua no deporte, reforzar a súa presenza en clubs, federacións, medios, redes sociais e plataformas dixitais, e impulsar campañas institucionais que a presenten como elemento de convivencia e cohesión.
A Xarxa ImpliCat escolleu o Gabinete de Promoción do Valenciano do Concello de Sagunt como exemplo de boas prácticas en normalización lingüística municipal. O seu persoal técnico participará o 8 de maio na primeira Trobada ImpliCat para expoñer campañas orientadas a vincular a lingua coa identidade local e a crear novas persoas falantes. O recoñecemento salienta o traballo continuado do concello para facer do valenciano unha lingua viva, útil e presente na vida pública.
O Goberno vasco presentou o Euskara Bonua, un novo sistema que permitirá aprender éuscaro cun único pagamento inicial de 120 euros e durante un período de até catro anos. A medida busca reducir as barreiras económicas e, sobre todo, favorecer que as persoas non só inicien a aprendizaxe, senón que a continúen até acadar unha capacidade real de uso cotián. O modelo implantarase de forma progresiva e pretende substituír a lóxica de cursos illados por itinerarios flexibles e completos.
O Concello de Fene organizará unha nova edición do campus lingüístico «Verán máis alá», unha proposta de lecer educativo en galego pensada para favorecer tamén a conciliación familiar e laboral. A actividade diríxese a alumnado de educación infantil e primaria, nado entre 2014 e 2022, e desenvolverase en dúas quincenas durante o mes de xullo de 2026.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta de Galicia acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia as datas para a realización dos exames que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega e que se celebrarán entre o 23 de maio e o 6 de xuño en Santiago de Compostela, Ponferrada e, tras máis dunha década, volverán facerse tamén en Madrid.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou o colexio público de Ribadavia onde felicitou ao grupo gañador do Concurso-Exposición Letras Galegas 2026, que organiza a Xunta de Galicia “implicando á cativada e á comunidade escolar nun proxecto que fomenta o interese pola nosa cultura e a nosa lingua a través dunha efeméride tan destacada como as Letras”, apuntou.
O Museo Nacional de Damasco acolle unha mostra dedicada á evolución da escritura e ao legado do antigo alfabeto de Ugarit. A exposición destaca a relevancia histórica de Siria no desenvolvemento dos primeiros sistemas de escritura.
Fonte: Middle East Online
A BBC lanzou o pódcast Learn Cornish para promover a aprendizaxe do córnico, unha lingua celta que está a vivir un rexurdimento cultural en Cornualles. A iniciativa chega pouco despois de que o córnico obtivese un maior nivel de protección oficial no Reino Unido, o que obriga as institucións a impulsaren a súa presenza na educación e nos medios.
Fonte: The Guardian
O Goberno vasco destinará até 1,15 millóns de euros en 2026 á formación en éuscaro da Ertzaintza, mediante un acordo entre a Academia Vasca de Policía e Emerxencias e HABE. A iniciativa permitirá impartir cursos para acreditar os perfís lingüísticos 1 e 2, así como formar o alumnado que accede á escala básica da Policía vasca. Con esta colaboración, o executivo busca avanzar na normalización do éuscaro na Administración e garantir unha atención máis próxima e axeitada á realidade sociolingüística de Euskadi.
Boletín
Subscríbase ao boletín



