Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de maio de 2026

    O centro educativo Bernat Etxepare, de Baiona, no País Vasco francés, rexeitou realizar en francés a proba de Matemáticas do bacharelato, defendendo que o alumnado debe poder examinarse tamén nas súas linguas propias. O caso abriu un debate sobre os dereitos lingüísticos, a presenza exclusiva do francés no ensino e a protección do éuscaro nas aulas.

    Fonte: Diari de la Llengua

    08 de maio de 2026

    Un estudo recente publicado en Nature revela que o cerebro humano continúa procesando palabras e estruturas lingüísticas mesmo durante estados de inconsciencia provocadas por anestesia xeral. Os investigadores comprobaron que certas áreas cerebrais seguen interpretando e anticipando información lingüística, o que cambia a visión tradicional sobre a conciencia e o funcionamento do cerebro.

    Fonte: Technology Networks

    08 de maio de 2026

    O Termcat incorporou 168 novos termos ao catalán, publicados no DOGC, con especial presenza de ámbitos como o dereito, a empresa, a alimentación, as TIC, a mobilidade e a gandaría. Entre as novidades figuran voces vinculadas á intelixencia artificial, á cultura audiovisual, á socioloxía e ao urbanismo.

    Fonte: Diari de la Llengua

    07 de maio de 2026

    O Val de Aranguren súmase a Eusfera, unha iniciativa para reforzar o uso do éuscaro no ámbito familiar e no día a día das crianzas. A proposta, dirixida a familias con menores de até 12 anos, ofrece misións sinxelas e adaptadas á realidade lingüística de cada fogar para facilitar a presenza da lingua con naturalidade, tamén cando nais e pais teñen distintos niveis de coñecemento.

    07 de maio de 2026

    O 54,7 % dos libros vendidos durante o último San Jordi foron en catalán, unha porcentaxe que sobe até o 71,1 % no caso da literatura infantil e xuvenil. En conxunto, a xornada pechouse con dous millóns de exemplares vendidos, 71.000 títulos diferentes e unha facturación de 26,7 millóns de euros.

    Fonte: Diari de la Llengua

    07 de maio de 2026

    O DOG publicou a orde da convocatoria de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinadas á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    07 de maio de 2026

    O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu a figura de Rosalía de Castro como “símbolo lexítimo” de Galicia pola súa “ilimitada influencia e referencia no pensamento e disciplinas artísticas da Comunidade”.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    06 de maio de 2026

    Un estudo internacional revela que o alumnado de cinco anos en Flandres obtén resultados por debaixo da media en habilidades básicas de matemáticas e lingua neerlandesa. A investigación destaca tamén fortes desigualdades sociais, xa que o alumnado de contornos desfavorecidos ou con menor exposición ao idioma na casa comeza a escolarización en desvantaxe.

    Fonte: Belga News Agency

    06 de maio de 2026

    Varios lingüistas salientaron, con motivo do Día Mundial da Lingua Portuguesa, que a diversidade de variantes e a incorporación de neoloxismos son sinais evidentes da boa saúde do portugués, falado por máis de 260 millóns de persoas en todo o mundo. Defenden que o contacto entre as distintas variedades, de Europa, África, o Brasil e Asia, contribúe a enriquecer a lingua e a reforzar unha identidade común, ao tempo que subliñan a importancia de continuar promovendo o seu uso en múltiples ámbitos sociais e institucionais.

    06 de maio de 2026

    2Cat (RTVE) e La Manchester preparan Rescat, un novo concurso televisivo presentado por Peter Vives que converterá a lingua catalá no eixe do entretemento. O formato propoñerá probas de axilidade, creatividade e cultura lingüística nas que tres participantes competirán con xogos de palabras, cancións, termos inventados e anagramas.

    Fonte: Panorama Audiovisual

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder