O Concello de Etxebarri convoca a veciñanza e ao tecido asociativo a participar o 26 de febreiro na primeira sesión presencial do plan AROA 2026-2030, orientado a reforzar o uso do éuscaro no municipio. Tras un diagnóstico inicial elaborado a partir dun cuestionario cidadán, o proceso entra agora nunha fase participativa destinada a definir as liñas estratéxicas e o Plan de Xestión para 2026. O consistorio salienta que, ao implicárense persoas e colectivos, será posible deseñar un proxecto axeitado á realidade local.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Vicepresidencia Segunda da Generalitat Valenciana convoca axudas por importe de 300.000 euros para fomentar o uso do valenciano nos libros das Fallas, Magdalena, Fogueres e Moros i Cristians. As subvencións, distribuídas entre comisións e asociacións festivas, recoñecerán a calidade lingüística, a presenza da lingua propia e o orzamento das publicacións correspondentes a 2026.
A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, oferta 48 accións formativas en galego dirixidas ao persoal das administracións da Comunidade Autónoma, das que 41 corresponden a linguaxe administrativa e sete a linguaxe xurídica, en niveis medio e superior. A formación impartirase integramente en modalidade de teleformación, co obxectivo de reforzar a competencia lingüística no ámbito institucional.
O Goberno de Escocia reabriu unha bolsa de estudos de lingua gaélica para residentes da provincia canadense de Nova Escocia que estean interesados en mellorar a súa competencia na lingua gaélica e afondar na cultura escocesa. A iniciativa cobre parte da matrícula e do aloxamento no centro Sabhal Mòr Ostaig, o centro nacional de Escocia para o estudo da lingua e cultura gaélicas.
Fonte: Nova Scotia
A escritora portuguesa Lídia Jorge foi galardoada co prestixioso Prémio Pessoa 2025, recoñecido pola súa carreira literaria e polo impacto da súa obra no debate cultural e social. O presidente da República portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, foi o encargado de lle entregar o premio á escritora.
O Goberno de Gales abriu o prazo de solicitude para o programa Cynllun Pontio, que apoia profesorado falante de galés que queira reconverterse en docente de secundaria. O programa ofrece salario durante a formación e xa beneficiou preto de 100 persoas desde 2020, co obxectivo de reforzar o ensino por medio do galés.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, presentaron unha nova edición de «Lingua de namorar», o certame en liña da Xunta de Galicia que promove desde hai 15 anos o uso da lingua galega nas novas tecnoloxías e redes sociais por parte da mocidade convidándoa a crear mensaxes de amor na nosa lingua.
O Concello de Vigo organiza para o mes de marzo un curso gratuíto de escrita creativa, de 20 horas de duración, que ten como obxectivo axudar a mellorar as destrezas literarias en lingua galega das persoas asistentes. As sesións, de carácter presencial, desenvolveranse no Auditorio Mar de Vigo.
Fonte: Concello de Vigo
Segundo un informe de Conradh na Gaeilge, arredor do 11 % das persoas que falan irlandés en Irlanda do Norte foron intimidadas ou acosadas por empregar a súa lingua. Os incidentes inclúen insultos en redes sociais e actos vandálicos contra sinais bilingües. Os activistas piden denunciar estes feitos e lembra que o irlandés é unha lingua oficial con protección legal desde 2022.
Fonte: Diari de la Llengua
Un proxecto europeo coordinado pola Universidade de Zaragoza aspira a superar as “illas de coñecemento” que xorden cando a investigación se publica só en linguas locais. A iniciativa, denominada CLASiK, empregará intelixencia artificial neurosimbólica para traducir e conectar datos científicos con precisión, o que permitirá que cada persoa poida acceder e interactuar coa información na súa propia lingua.
Boletín
Subscríbase ao boletín
