Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de maio de 2026

    A Xunta de Galicia presentará o vindeiro mes de xuño o documento que recolle a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, un dos piares fundamentais do Pacto pola Lingua  impulsado polo Executivo autonómico. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación no Parlamento durante a que incidiu en que tendo como base esta nova proposta, “ábrese un novo escenario para acadar medidas fundamentais para a nosa lingua”.

    20 de maio de 2026

    Activistas e defensores da lingua galesa celebraron a primeira reunión do gabinete do novo Goberno galés desenvolvida integramente en galés. O executivo liderado por Rhun ap Iorwerth considera que o xesto marca o inicio dunha nova etapa política centrada na identidade nacional, os servizos públicos e o impulso da lingua propia de Gales.

    Fonte: Nation Cymru

    20 de maio de 2026

    Unha investigación publicada na revista Nature Communications conclúe que, arredor dos catro anos, o cerebro infantil xa concentra maioritariamente o procesamento da linguaxe no hemisferio esquerdo. O estudo sinala tamén que as conexións cerebrais ligadas á linguaxe continúan perfeccionándose durante a infancia e a adolescencia.

    Fonte: MedicalXpress

    20 de maio de 2026

    Os catro concellos da comarca puxeron en marcha unha nova campaña para fomentar as actividades deportivas en éuscaro e favorecer que as crianzas empreguen a lingua con naturalidade tamén no lecer. A iniciativa diríxese especialmente ás familias con fillas e fillos de 8 a 12 anos, ás que se anima a solicitar adestramentos e propostas deportivas nesta lingua. Ademais, os concellos apelan aos clubs para que ofrezan actividades en éuscaro e difunden materiais dixitais e vídeos co fin de reforzar hábitos lingüísticos máis alá da escola.

    20 de maio de 2026

    O proxecto “Aquí Tamén se Fala”, impulsado polo IES Rafael Dieste da Coruña, foi seleccionado como finalista dos premios estatais Docentes Referentes, entre preto de 500 candidaturas. A iniciativa, creada para promover o galego entre a mocidade, conseguiu mobilizar milleiros de estudantes, centros educativos, referentes culturais e clubs deportivos arredor da defensa da lingua.

    20 de maio de 2026

    Profesorado de Lingua Asturiana e Galego-Asturiano concentrouse en Oviedo, xunto con familias, sindicatos e entidades de defensa lingüística, para reclamar ao Ministerio de Educación o recoñecemento da súa especialidade docente. A Asociación de Docentes de Asturiano e Eonaviego denuncia que a falta de avances mantén unha situación de discriminación e inseguridade laboral que se arrastra desde hai décadas.

    20 de maio de 2026

    O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou o XXIII Festival de Cans, onde participou na inauguración da rúa Efémera Celso Bugallo, no Torreiro, acompañado de Alfonso Pato, director do festival, e do actor Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán". O responsable da Lingua mantivo un encontro co profesorado e o alumnado gañadores do Concurso Escolar Rec.Curta 2026 dos colexios Franciscanos de Lugo e Santa María de Tui, das Escolas Católicas de Galicia.

    19 de maio de 2026

    Un ano máis, o alumnado que estuda galego no IE Vicente Cañada Blanch de Londres visita Galicia no marco da súa Viaxe da Lingua 2026, que os achega de primeira man á lingua, literatura e cultura galegas durante unha semana. O secretario xeral da Lingua, Valentín García; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora-xerenta da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, recibiron no Gaiás aos 22 alumnos e alumnas e o seu profesor, Román Landín, no remate do seu periplo cultural deste curso.

    19 de maio de 2026

    O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, situou a defensa e promoción do galego como un asunto de país e apelou á necesidade de avanzar nun Pacto pola Lingua “realista e consensuado” que permita blindar a pervivencia e o crecemento do idioma. No acto institucional do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora e xornalista Begoña Caamaño, Rueda reivindicou o galego como principal elemento identitario de Galicia e defendeu a importancia de fomentar o seu uso entre a mocidade, especialmente nos ámbitos cotiáns e dixitais. 

    19 de maio de 2026

    O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse en Lisboa coa presidenta do Instituto Camões, Florbela Paraíba, para afondar na colaboración entre Galicia e Portugal e reforzar así os vínculos educativos no marco da lusofonía. Entre outras cuestións, no encontro abordouse a posibilidade de avanzar no desenvolvemento de iniciativas como as Escolas de Fronteiras, ademais de facer balance do programa polo que a Xunta facilita que o alumnado que cursa portugués en Galicia acredite as súas competencias de balde.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder