O presidente do Perú, José María Balcázar, asegurou que o Executivo traballa para fortalecer a integración dos pobos indíxenas e preservar as linguas orixinarias do país. Durante a presentación de novas ferramentas de atención pública en linguas autóctonas, destacou que estas iniciativas reforzan a identidade nacional e facilitan o acceso a servizos como a sanidade para as comunidades que falan quechua, aimará e outros idiomas indíxenas.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Universidade de Macau abriu de novo as inscricións para a 40.ª edición do Curso de Verán de Lingua Portuguesa, que se celebrará entre o 6 e o 24 de xullo. O programa inclúe clases de idioma en distintos niveis, ademais de obradoiros de literatura, historia, cultura, danza e cinema.
Fonte: CM Jornal
Un novo estudo sobre actitudes lingüísticas mostra que a maioría da poboación de Irlanda do Norte apoia a promoción da lingua irlandesa, especialmente entre as xeracións máis novas. A enquisa sinala tamén un respaldo crecente á educación en irlandés e ás políticas de protección lingüística, nun contexto de maior visibilidade pública da lingua.
Fonte: Belfast Media
A intervención dunha deputada xamaicana en crioulo durante unha sesión parlamentaria provocou unha forte polémica sobre o papel da lingua popular do país nas institucións oficiais. A presidenta da cámara interrompeu o discurso ao considerar que o regulamento só permite o uso do inglés estándar.
Fonte: The Guardian
Oarsoaldea reforzará o proxecto AktiBatuz! para promover o uso do éuscaro no deporte xuvenil, coa participación dos concellos de Pasaia, Lezo, Oiartzun e Errenteria e de sete clubs da comarca. A iniciativa, agora coordinada polo servizo lingüístico Ebete, iniciará unha nova etapa con dinámicas actualizadas e accións prácticas para o próximo curso. O obxectivo é asociar o éuscaro a experiencias positivas no deporte e consolidar hábitos lingüísticos entre a mocidade, os equipos técnicos e as entidades deportivas.
O Parlamento de Cataluña rexeitou a proposta para esixir o nivel A2 de catalán na renovación da regularización extraordinaria de persoas estranxeiras e o B1 nos futuros procesos de arraigamento. A cámara si aprobou, porén, reclamar ao Estado a protección do catalán en todos os territorios onde se fala, así como valorar o coñecemento das linguas oficiais como mérito no acceso á formación sanitaria especializada.
Os Premios Lois Peña Novo 2026 distinguirán o servizo de comunicación do Celta de Vigo, a investigadora Aurora Marco e o intelectual Xosé Manuel Beiras polo seu labor a prol da lingua e da cultura galega. O xurado recoñece no Celta a incorporación sostida do galego na comunicación deportiva e dixital, converténdoo nun elemento central da identidade celeste. No caso de Aurora Marco, saliéntase a súa contribución á recuperación da memoria e visibilidade das mulleres galegas a través dunha obra fundamental para a historiografía e a literatura do país.
O Servizo de Éuscaro do Concello de Portugalete desenvolveu durante o curso un amplo programa de actividades para achegar a lingua á infancia e á mocidade como ferramenta viva e útil, máis alá da aula. As propostas, nas que participaron preto de 2000 persoas, combinaron conversa, contacontos, rap, bertsolarismo, teatro, pódcast e audiovisual, sempre desde unha perspectiva lúdica e participativa.
RTVE Catalunya recibiu o Premio Nacional de Comunicación Televisiva da Generalitat polo seu labor continuado na promoción do catalán e na difusión da cultura catalá ao longo de máis de seis décadas. O xurado salientou o papel do centro na música, no teatro, no cinema e na formación de profesionais do audiovisual, mentres a dirección reivindicou a súa vocación de servizo público e de normalización lingüística. O recoñecemento coincide coa primeira tempada de La 2Cat, creada para ampliar a oferta televisiva en catalán con novos formatos e públicos.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e mais o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Jesús Manuel Álvarez Bértolo, participaron na rolda de prensa de presentación das obras finalistas do XXX Premio San Clemente, organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
Boletín
Subscríbase ao boletín

