Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de febreiro de 2023

    Dado que España exercerá a presidencia do Consello da Unión Europea, nove entidades do ámbito económico e social, como a Cámara de Comercio de Barcelona e a Obra Cultural Balear, reúnense na Universidade das Illas Baleares (UIB) para pedirlle ao Goberno central que reclame a oficialidade do catalán e que esta lingua estea ao mesmo nivel que o resto de linguas similares.

    Fonte: Última Hora

    14 de febreiro de 2023

    O sindicato CIG-Ensino denuncia que a última versión do Ministerio de Educación e FP para regular a proba de acceso á universidade (ABAU) é discriminatoria para o galego e esixe o mesmo trato que para o castelán.

    Fonte: Galicia Confidencial

    14 de febreiro de 2023

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron no IES Aquis Celenis (Caldas de Reis) na clausura do programa de dinamización lingüística «21 días co galego e +», iniciativa impulsada pola Conseller

    14 de febreiro de 2023

    Antigos estudantes de estudos de galego da Universidade de Vigo explicaranlle ao alumnado actual as posibles saídas no mundo laboral desta titulación, entre as que figuran a investigación, a docencia, o asesoramento lingüístico, a xestión cultural...

    14 de febreiro de 2023

    A simplificación dos trámites e a maior formación do profesorado permitiu que 400 familias da cidade sarda de L'Alguer solicitasen o ensino da lingua catalá en actividades curriculares e extraescolares nas escolas. 

    Fonte: VilaWeb

    13 de febreiro de 2023

    O Goberno catalán reúnese con diversas entidades vinculadas á defensa e promoción da lingua catalá para analizar o problema da perda de posicionamento nos buscadores de Internet, poñer en común accións levadas a cabo ata o momento e propoñer varias solucións coordinadas.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    13 de febreiro de 2023

    A nova edición de Harrapazank do Concello de Bilbao ofrece diferentes actividades para impulsar o uso do éuscaro entre a xuventude de 10 a 16 anos e crear espazos onde mozos e mozas poidan compartir o seu tempo libre. O programa levarase a cabo entre marzo e maio con obradoiros de, por exemplo, fotografía ou percusión corporal, cun concurso de talentos e un duelo de gamers que posibilitará falar esta lingua tamén na Rede.

    13 de febreiro de 2023

    O plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta por combinar a preparación presencial e en liña para chegar a calquera lugar facilitando, deste xeito, o acceso ao coñecemento do galego a todas aquelas persoas interesadas en preparar as probas que certifican a competencia nesta lingua.

    13 de febreiro de 2023

    O presidente da Sociedade Makivik, a organización que representa legalmente os pobos inuit do Canadá, fixo un chamamento ao Goberno canadense para que oficialice a lingua inuktitut en todo o país.

    Fonte: Nunatsiaq News

    13 de febreiro de 2023

    A BBC, o servizo público de radio e televisión do Reino Unido, incorporou catro filmes gravados en córnico á súa plataforma iPlayer de vídeos baixo demanda.

    Fonte: Cornwall Council

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder