A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia a resolución de adxudicación de 10 bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, unhas axudas formativas nas que o Goberno galego inviste 237 600 € e coas que busca cada ano fomentar a formación e capacitación das persoas con titulación universitaria, promovendo ao mesmo tempo o ensino, a cultura e a investigación en lingua galega.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
Cada vez máis cidadáns e cidadás de Austria aprenden a lingua kurda coa intención de traballar ou visitar as rexións kurdas de Iraq ou Irán.
Fonte: Rudaw
Nace en Cabo Verde a Asociación da Lingua Materna Caboverdiana (ALMA-CV) que impulsará o uso da lingua materna e un cambio na política lingüística do país insular.
Fonte: Expresso das Ilhas
A baixa popularidade das linguas modernas, como o alemán ou o francés, no sistema educativo británico podería obrigar moitas escolas a eliminaren estas materias dos seus currículos.
Fonte: The Guardian
A comunidade ugandesa afincada en Australia uniu esforzos para abrir unha escola onde as novas xeracións aprenden a lingua nativa luganda e manteñen os lazos culturais co país das súas orixes.
Fonte: Africa News
Correos vai comezar a respectar a utilización da toponimia tradicional dos concellos asturianos, para o que actualizará a súa base de datos, un proceso que espera ter finalizado no primeiro trimestre do 2023.
Fonte: Asturies.com
A Deputación Foral de Biscaia destinará en 2023 case oito millóns de euros a seguir impulsando o uso do éuscaro en diferentes ámbitos. Destaca unha liña estratéxica vinculada á difusión da creación nesta lingua dotada con preto de 700 000 euros.
Fonte: Deia
Entre o 18 e o 25 de novembro celébrase o IX Viquimarató de la llengua catalana, unha iniciativa impulsada pola Generalitat de Catalunya e Amical Wikimedia, xunto cos gobernos de todos os territorios de fala catalá.
Fonte: Generalitat de Catalunya
Comeza a segunda edición de #AsPalabrasdaCiencia, unha campaña, que se difundirá a través das redes sociais durante todo o mes de novembro, coa que a Deputación da Coruña quere demostrar o seu compromiso co mundo científico e a importancia de dinamizar o galego neste ámbito.
Fonte: Deputación da Coruña
O ministro de Educación de Luxemburgo, Claude Meisch, asinou dous protocolos que permitirán reforzar o ensino do portugués nos centros públicos e a promoción do ensino das linguas oficiais do país entre as persoas adultas co fin de mellorar a integración de todas as familias.
Fonte: Dnotícias
Boletín
Subscríbase ao boletín


